O Concello de Monfero aprobou recentemente o reparto do Plan POS+ Adicional da Deputación da Coruña, cunha partida neste 2025 de 78.343,86 euros. A proposta do executivo local saíu adiante cos votos a favor do goberno (PSOE) e do BNG, e coa oposición do PP.
Así pois, a maior partida irá destinada a sufragar o gasto do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia, cun importe de 37.181,65 euros. Ademais, destinaranse 16.797,61 ao reforzo e ampliación do persoal administrativo do departamento de Servizos Sociais.
Namentres, 5.000 euros irán parar ás axudas de emerxencia social para as familias en risco de exclusión social e outros 5.000 para a conciliación familiar –que sufragarán parte do campamento Concilia Verán–. A mesma cantidade corresponderalle á adquisición dun software para mellorar a eficiencia na xestión deste departamento e 4.365 euros asignáronse á compra de equipamento técnico e asistencial para persoas dependentes –como camas e grúas–.
Por último, unha partida de 3.000 euros investirase na creación dun novo servizo de podoloxía gratuito e outra de 2.000 empregarase para as axudas ao estudo –que se sumará ao asignado no orzamento municipal–.