Mugardos insta ao Arzobispado a adoptar medidas de seguridade na Escola de Franza

Mugardos insta ao Arzobispado a adoptar medidas de seguridade na Escola de Franza
Imaxe do estado actual da antiga Escola de Franza I Concello

O edil de Urbanismo e Réxime Interior do Consistorio mugardés, Miguel Mahía, anunciou onte as medidas adoptadas polo “abandono e falta de mantemento” da casa natal de Bello Piñeiro e a antiga Escola de Franza, ambas propiedade do Arzobispado de Santiago. “Unha vez realizadas as visitas dos técnicos, a elaboración dos informes pertinentes e a estruturación do expediente, iniciamos o procedemento para que asuma as súas obrigas como titular de ambos bens inmobles”, apuntou. 


Desde a área de Urbanismo realizáronse ao longo do verán máis de 45 inspeccións a vivendas e propiedades en posible estado de ruina –inmobles e leiras abandonadas–.


No que respecta á Escola de Franza, situada nas inmediacións da Igrexa de Santiago Apóstolo, o informe técnico revelou “que edificio sofre un grande deterioro xeral, que os peches se atopan en estado de abandono por abundante maleza e que hai un punto incontrolado de vertedoiro nas inmediacións”, apuntan desde o Concello.


No caso da vivenda natal de Bello Piñeiro, ademais da falta de mantemento da parcela, “o tellado está afundido no faldón nordeste por colapso da estrutura. A falta de poder acceder ao interior, estímase que elementos como a escaleira, tabiquería ou instalacións posiblemente estean moi danados”, engade o consistorio. 


Segundo a normativa municipal en materia de Urbanismo, de non cumprir coas esixencias marcadas nas resolucións nos prazos estipulados, “procederase por parte do Concello de Mugardos á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que irán dende os 1.000 ata os 10.000 euros”. “Imos obrigar ao cumprimento da lei sexa quen sexa o titular dos inmobles”, asevera o executivo. 

Mugardos insta ao Arzobispado a adoptar medidas de seguridade na Escola de Franza

Te puede interesar