Narón celebrará o sábado a festa dos Maios

Narón celebrará o sábado a festa dos Maios
O programa festivo foi presentado este mércores no Concello de Narón | CONCELLO

A festa primaveral dos Maios chegará este sábado a Narón. O Padroado da Cultura e a Sociedade Cultural Areosa artellaron para ese día un programa que, como en anos anteriores, dará comezo ás 11.00 horas na Praza de Galicia, coa elaboración dunha enorme alfombra floral (de dez metros de alto por dez de ancho) deseñada polo artista naronés Leandro Lamas. Na súa decoración poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén durante a mañá, no mesmo escenario, desenvolverase un obradoiro de arte floral.


Xa pola tarde, ás 16.30 horas,  terá lugar a concentración dos maios nas inmediacións do Centro Cívico Social de Piñeiros, desde onde, ás 17.00 horas, partirán en comitiva cara á praza de Galicia. Alí, sobre as seis da tarde, terá lugar a recepción oficial, con música tradicional a cargo dos grupos do Padroado da Cultura.


Desenvolverase alí tamén unha Mostra de Arte Floral, coas estruturas e composicións elaboradas tanto nas entidades veciñais como nos centros de ensino, a través dos obradoiros impulsados desde o Padroado nos que tomaron parte os escolares de Infantil e primeiro ciclo de Primaria. 

 

Desde o Concello de Narón solicítanse desculpas polas molestias que poida ocasionar ao tráfico rodado o desfile previsto o sábado por un tramo da estrada de Castela, desde Piñeiros ata a Praza de Galicia. 


A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro; e Maribel Mouriz, María José Yáñez e Abel González –vicepresidenta, tesoureira e integrante, respectivamente– da Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros, presentaron este mércores a programación deseñada para o sábado, á que animan aos veciños a participar. Ferreiro destacou o traballo realizado pola entidade para manter esta tradición. 

Narón celebrará o sábado a festa dos Maios

Te puede interesar