O Consistorio naronés informou do inicio de varias obras do proxecto de mellora da accesibilidade na zona urbana. A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que xa están adxudicados os traballos que se acometerán na estrada de Castela, na zona de Cidade Europa, Santa Icía e Virxe do Mar, orzamentados nuns 276.000 euros.
“En total executaranse 134 intervencións en viais, cruces e prazas de vehículos para suprimir barreiras arquitectónicas, adaptando pasos de peóns e beirarrúas e mellorando as dimensións de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida”, avanzou a rexedora local.
Tal e como recolle o proxecto, do total de tarefas, 65 realizaranse na estrada de Castela –dende a rotonda de Freixeiro ata a Ponte das Cabras–; 59 na zona de Cidade Europa; seis en Santa Icía e catro en Virxe do Mar.
Os traballos execútanse, tal e como indicou Ferreiro, tras establecerse unha orde de prioridades para dar unha maior eficacia ao desenvolvemento das tarefas a realizar.
Así mesmo, de xeito paralelo, o persoal do departamento municipal de Servizos Básicos está acometendo traballos de mellora da iluminación en varios pasos de peóns, seleccionados atendendo a criterios da Policía Local en diferentes ubicacións da cidade.