Narón solicitará unha reunión coa xefatura de Correos pola situación do cadro local

Narón solicitará unha reunión coa xefatura de Correos pola situación do cadro local
Un instante do encontro mantido na casa consistorial | Concello

Representantes da corporación local naronesa mantiveron nos últimos días unha reunión co cadro de persoal de Correos no municipio. O encontro estivo presidido pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e nel tamén participaron os voceiros do PP, Germán Castrillón; do PSOE, David Pita; así como edís de TEGA, PP e BNG.

 

Dende o Concello indican que no transcurso do encontro os representantes dos traballadores denunciaron novamente as súas condicións laborais e o servizo deficitario que se está prestando debido á falta de efectivos.

 

O colectivo denuncia que “temos seis vacantes pendentes de cubrir, as baixas laborais non se cobren nin tampouco outras ausencias do persoal e atopámonos coa segunda folga en dous anos porque nos din que se van cubrir pero non o fan”.

Aseguran, así mesmo, estar “colapsados” e inciden na necesidade de contar con máis persoal, así como cun compromiso por parte da compañía para poder ofrecer ás veciñas e veciños de Narón un servizo “en condicións óptimas”.

 

Os traballadores e traballadoras de Correos no municipio insisten no feito de que o cadro de persoal será “insuficiente” para atender o volume de reparto derivado dos vindeiros comicios electorais do 28 de maio. “Estamos nerviosos, hai baixas por estrés, persoas que acoden ao seu posto de traballo medicadas por ansiedade”, lamentan, incidindo en que a situación viuse agravada nos últimos tres anos. “Imos de mal en peor”.

 

Ao remate do encontro, Ferreiro reiterou o apoio unánime da corporación naronesa ás súas reivindicacións e comprometeuse a solicitar unha reunión coa xefatura de Correos na que abordar dita problemática. 

 

Neste sentido, o pleno correspondente ao mes de marzo sacou adiante unha declaración institucional en apoio ás reivindicacións do persoal. 

Narón solicitará unha reunión coa xefatura de Correos pola situación do cadro local

Te puede interesar