Milleiros de persoas pasearán esta fin de semana pola vila de Pontedeume para gozar do ambiente medieval recreado, un ano máis, a través do Feirón dos Andrade. O evento, organizado polo Concello, foi inaugurado esta tarde, sobre as oito, co pregón da actriz galega Isabel Blanco.
Horas antes, comezaba xa a actividade coa apertura dos postos instalados polo pobo e as primeiras das múltiples e variadas actividades que dan forma ao programa, que se extenderá ata mañá domingo. Entre as propostas previstas para este sábado, destaca a escenificación da Revolta Irmandiña, ás 22.00 horas. Estará protagonizada por actores e actrices de teatro afeccionado da comarca, mais tamén se fai un chamamento a todos os veciños e veciñas que queiran secundar a recreación (terán que estar no Centro de Maiores a las 21.15 horas).
Durante o día haberá moitas outras propostas. Continuarán os obradoiros participativos na Alameda de Raxoi (de elaboración de galletas ás 11.00 horas; de pintura e decoración de vasos ás 13.00 e 17.30 horas; e de elaboración de candeas ás 19.00 horas), exhibicións, animación musical, concerto de Upsala (23.15 horas) e conxuro da queimada (23.30 na Praza do Conde), entre outras.
Así será tamén na xornada do domingo que, ao igual que hoxe, abrirá as súas portas ás 11.00 horas para ofrecer aos visitantes unha ampla variedade de citas ambientada no medievo.