O grupo Alxibeira constituíuse no Padroado da Cultura de Narón no 1986, dende aquela, a súa obra non deixou de revalorizar o folclore e os costumes de Galicia, recuperando as tradicións. Dous anos despois, data na que se presentou oficialmente, comezou coas actuacións a nivel nacional e internacional.
Ao frente desta agrupación, desde 2020, está Quique Peón, un dos pais de Xacarandaina –unha agrupación que traballa a prol do patrimonio cultural galego–.
A actuación de hoxe, avanzou Peón, ten un punto diferenciador se se compara con outras previas. “Ímoslle dar a volta, esta vez vai ser unha actuación musical con mestura de baile. É o mesmo, pero é diferente”, comenta o bailador.
Isto, á súa vez, vai unido á importancia que este vindeiro ano terá esta tradición intanxible, coa adicación do Día das Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral.
Aínda que cambien as tornas nesta actuación, o grupo segue a manter a súa esencia o máis “purista posible”. É dicir, ser o máis fieis aos costumes e ás tradicións, e por ende, ás letras e aos bailes. “As pezas recónllense ao longo de Galicia e cando se levan a escena manteñen todos os compoñentes orixinais”, explica Peón. A isto hai que sumarlle a vestimenta, na que tamén se respectan as telas, cores ou elementos típicos de cada zona do país onde se recollen os ritmos.
Esto ten a súa razón de ser, posto que, como explica o director, “todo o material recollido intenta ser, en escena, unha páxina do libro da nosa historia”. Sen dúbida, este “é un traballo difícil, pero realmente bonito”.
Eles forman parte dun grupo que, en Galicia, chega ás 40.000 persoas. Ese que forman todos aqueles que creen que “a cultura tradicional ten que ser accesible”. Cada vez son máis.
Curiosamente, “parece que se quere apuntar ás clases máis xente adulta que nenos”, confirma Peón, feito que provocou que “recuperaramos o baile na rúa”.
Non se pode esquecer que esta danza nace dun pobo e a súa esencia e o gozo. Así, habendo cada vez máis oferta cultural que poña en valor este patrimonio, hai quen “quere aprender a bailar para divertirse. Os repertorios que se traballan son para iso, é o que a xente demanda”, comenta o director.
En Alxibeira axilizan o proceso, e dicir, cada sección traballa “por un lado e despois hai un ensaio conxunto”. A coordinación dunha agrupación deste calibre non é traballo para calquera. Moitas persoas confluíndo nun mesmo espazo, instrumentos, voces e bailes que teñen que funcionar como un todo... conseguen sacalo adiante “facendo encaixe de Camariñas”, asume Peón entre risas.
Hoxe prometen facer retumbar o Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas. As entradas teñen un custo de 2,50 e serán gratis para os aboados do Padroado.