A tempada de magostos na comarca: tradición a expensas do tempo

A tempada de magostos na comarca: tradición a expensas do tempo
Inacio Bellas na súa finca de San Sadurniño | Jorge Meis

O mes de novembro chegou e, con el, o arrecendo a castañas asadas nas rúas e os múltiples magostos nas comarcas marcados en vermello no calendario. A colleita de castaña foi, segundo comentan os produtores, un reflexo dos cambios climáticos que afectan ao sector agrícola. Mentres algúns tiveron un bo ano produtivo, outros lamentan que a cantidade e calidade recollida non foi a agardada.


Inacio Bellas conta cunha plantación de aproximadamente unha hectárea en San Sadurniño. “Eu aquí non me podo queixar. É certo que na castaña de cedo non tiven tanta cantidade, pero a que estou apañando agora é bastante boa”, sostén, apuntando que “é unha plantación nova que está empezando a dar”, xa que os seus castiñeiros foron plantados a finais do 2018. “Noutras fincas nas que teño castiñeiros máis vellos a produción é bastante boa. Si que é certo que a algunha árbore lle atacou o verme, pero na maioría non hai fungo. O ano pasado, a estas alturas, estaba todo estropeado”.


Este agricultor sadurniñense indica que este ano as colleitas comezaron a entrar en produción  “de maneira más tardía, porque non tivemos verán”. Afirma que os primeiros para recoller son os froitos híbridos, a comezos de setembro. “É unha castaña grande, bonita, pero en sabor non ten nada que ver coas variedades autóctonas”. Estas comezan a vir, explica, a principios de outubro. “Eu sempre lle digo á xente do mercado, cando llas vendo e veñen coa teima da castaña grande, que non se equivoquen. Que as castañas da variedade Parede ou Longal, que non son tan anchas e son máis picudas, son das máis ricas”.

 

Castañas Jorge Meis
 Jorge Meis

 

Pouca polinización

Poucos kilómetros máis lonxe, a situación para os agricultores cambia. Así o explica Ramiro J. Martínez, que conta cun viveiro no municipio da CapelaO Pomariño–, cunha media hectárea de castiñeiros, e que foi mentor para Bellas. “Empecei con el alí e foi dos que fun aprendendo ata que me independicei”, lembra Inacio con cariño.

 

O pasado verán, marcado polas precipitacións, condicionou a colleita do froito. “Non se chegou a desenvolver o que foi polinizado”


No caso de Martínez, a produción foi “regular e escasa”. Os motivos? As condicións climáticas ao comezo da tempada. “Escasea. Da de cedo houbo un pouquiño máis, tampouco a mesma cantidade que outros anos, pero da de tarde, a do país, a colleita é máis frouxa. É certo que aínda está a caer, pero observo que de calibre é máis pequena”.

 

Castiñeiros San Sadurniño Jorge Meis
 Jorge Meis


O “determinante” desta situación foi a “polinización deficiente”. “Cando foi o tempo da flor choveu moito, o cal dificulta este proceso. No verán tamén estivo orballando moito e non se chegou a desenvolver o pouco froito que foi polinizado. Hai moita castaña á que na comarca lle chamamos zochas, que non valen para comercializar”. 


Con todo, este foi un bo ano respecto a outras circunstancias. “No tema da podremia, da que falabamos o ano pasado, non observo que haxa tanta afectación. Nese aspecto houbo sorte porque, se non, aínda quedaría moito menos froito”, apunta.

A tempada de magostos na comarca: tradición a expensas do tempo

Te puede interesar