O Concello das Pontes puxo en marcha, no mes de maio o proxecto de voluntariado “Talento Interxeracional”, que, en palabras de Tania Pardo Cabarcos, concelleira de Benestar Social “ten como fin combater a soidade non desexada das persoas maiores das Pontes, facilitando, ao mesmo tempo unha aprendizaxe bidireccional entre persoas maiores e novas e promovendo unha maior activación social do voluntariado nas Pontes”, dixo.
Na primeira fase do proxecto realizouse a procura de persoas voluntarias interesadas en participar no mesmo, contactando e informando principalmente o tecido social das Pontes (asociacións de veciños, entidades culturais e deportivas), concluíndo nunha presentación pública do proxecto no mes de xuño.
A continuación conformouse un grupo de dez persoas voluntarias, cunha ampla diversidade en canto á súa idade, xénero e nacionalidade, que durante o mes de setembro recibiron formación por parte da ONGD Sen Valos, co fin de deseñar e poñer en marcha iniciativas solidarias desde o voluntariado enfocadas aos obxectivos do Proxecto “Talento Interxeracional”.
Do traballo colaborativo xurdiron iniciativas solidarias que se puxeron en marcha este trimestre
Do traballo colaborativo dos veciños participantes xurdiron dúas iniciativas solidarias que se puxeron en marcha este último trimestre do ano 2023: En primeiro lugar puxéronse en marcha talleres conxuntos entre persoas maiores e novas e, a continuación, organizáronse actividades recreativas e lúdicas cos
maiores.
Para o primeiro tipo de actividade, desenvolvéronse talleres conxuntos entre nenos/as, novos e persoas maiores nos meses de novembro e decembro, que empezaron no IES Castro da Uz, coa participación de alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e continuaron no mes de decembro no CEIP A Magdalena, co alumnado de Infantil e Primaria (de 3 a 12 anos), sumando máis de 600 escolares participantes nos talleres.
O obxectivo destas actividades foi a de ensinar aos nenos e nenas e mozos a coser e a poñer en valor aquelas habilidades das persoas maiores que actualmente se descoñecen ou están en desuso. A través deste exercicio o alumnado afastouse das pantallas e descubriron outro tipo de actividades que os conectaron coa nosa xeración de persoas maiores, adquirindo consciencia da súa sabedoría, valores e a riqueza que achegan a nosa sociedade.
As actividades consistiron en trasladar ás aulas a arte da costura a través dun taller de adornos do Nadal para o que se contou coa axuda de 6 mulleres maiores de 60 anos que foron as encargadas de ensinarlles a coser e acompañarlles durante toda a actividade.
Unha das accións serviu para que mulleres maiores ensinaran a coser aos veciños máis novos da vila
As figuras creadas nas manualidades do IES Castro da Uz destinaranse a un mercadillo solidario para recadar diñeiro dirixido a unha obra social das Pontes; e tamén no IES Castro da Uz, durante a segunda semana de actividades o alumnado contou coa participación da Rondalla das Pontes, que lles mostrou distintos cantos populares.
Para o segundo tipo de actividade, os venres, desde o 24 de novembro, no Centro Sociocomunitario das Pontes, están a organizarse unha serie de propostas recreativas e lúdicas destinadas ás persoas maiores. Estas actividades consisten principalmente no desenvolvemento dun bingo social e dun espazo de baile nas que tamén participan nenos e nenas, como os membros do grupo de Rugby Fendetestas das Pontes; o alumnado de segundo de bacharelato do IES Moncho Valcarce; o alumnado do IES Castro dá Uz, ou do CEIP A Fraga. En total máis de 90 persoas maiores están a participar estes venres nas actividades da iniciativa.
Tania Pardo, responsable do proxecto amosou o seu agradecemento a todas as persoas que participan nesta iniciativa, apuntando que “no desenvolvemento das actividades colaboraron diferentes comercios das Pontes doando materiais e agasallos para as persoas maiores e detrás hai moita xente apoiando e achegando o seu gran de area, sen o cal sería imposible facer isto, como as familias das persoas voluntarias do proxecto, a dirección e o persoal docente dos centros educativos, equipos de limpeza, conserxería... E cada día súmase máis xente nova ao proxecto”, dixo.