A irmandade entre a aula hospitalaria e o CEIP A Magdalena recibe un premio

A irmandade entre a aula hospitalaria e o CEIP A Magdalena recibe un premio
Pilar Porta, á esquerda, e Belén Pita, á dereita, recolleron o premio no congreso celebrado en Santander | asf

A colaboración da aula hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e o CEIP A Magdalena, das Pontes, a través do proxecto bibliotecario Contos Sanadores Rodantes mereceu un premio no Congreso Internacional de Acoso e Ciberacoso que se celebrou na fin de semana en Santander e que estaba especializado na titoría entre iguais para a prevención e resolución de conflitos. Valorouse na categoría de Boas Prácticas en Educación Primaria.


A mestra da aula hospitalaria da área sanitaria de Ferrol, Pilar Porta, e Belén Pita, como responsable do proxecto no colexio das Pontes, recolleron o galardón.


Os Contos Sanadores Rodantes son un proxecto que naceu en 2009 da colaboración das responsables das aulas hospitalarias de Ferrol, Lugo e Ourense. A través do libro ou do álbum ilustrado achegan aos pequenos información sobre as enfermidades, os hospitais e as emocións como o medo ou a ansiedade que lles pode provocar. Crearon así unha biblioteca de 40 títulos en lingua galega que rolda polas habitacións infantís dos hospitais acompañadas por debuxos dos propios nenos que están ingresados, que fan os seus autorretratos.


Este proxecto saiu do hospital para achegarse ao colexio e tender así pontes entre os nenos con doenzas e os escolares. Produciuse unha interacción continua a raíz dos Contos Sanadores, compartindo propostas e permitindo tamén o achegamento á realidade dos nenos hospitalizados.


“En datas clave, como o Nadal ou o Entroido, produciuse o intercambio de materiais, como, por exemplo, cartas que traballaban as distintas enfermidades e medos, ou xogos realizados en base a esa lecturas. Así, os nenos hospitalizados compartían as súas inquedanzas e os que nunca tiveran contacto cun centro hospitalario ou coñecemento dalgunha das patoloxías podían entender o rol da persoa enferma ou con algunha dificultade, e apoiala no seu contexto”, explican desde a área sanitaria de Ferrol.


O proxecto, engaden, lévase a cabo coa colaboración do Centro de Formación e Recursos do profesorado de Ferrol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A irmandade entre a aula hospitalaria e o CEIP A Magdalena recibe un premio

Te puede interesar