O executivo galego deu comezo ás obras da segunda fase de acondicionamento da estrada AC-862, entre o Campo do Hospital e A Ponte Mera, unha intervención licitada en 6,8 millóns de euros.
Ditas obras, que teñen un prazo de execución de 18 meses, comezaron cos traballos previos de roza e cos primeiros movementos de terras por parte dos operarios.
Dita actuación busca mellorar este tramo da estrada autonómica entre San Sadurniño e Ortigueira, dando continuidade, deste xeito, á realizada na primeira fase, reforzando a seguridade, tanto para o tráfico rodado como para os demais usuarios da estrada.
Así pois, os traballos seguirán similar liña aos acometidos no primeiro treito, coa rectificación de curvas con radio reducido, a execuación de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente, que faciliten os adiantamentos.
As obras acometeranse en preto de tres quilómetros da AC-862, entre os puntos 37+240 e 40+500, ao seu paso polos municipios de Ortigueira, Cerdido e Cedeira.
Tamén se prevé, indica a Xunta nun comunicado, a rectificación puntual de 13 curvas, a rehabilitación do firme e a mellora xeral da vía coa ampliación da plataforma.
Na intervención inclúense, así mesmo, a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura de recheos supere os tres metros e a instalación de dispositivos de protección de motocicletas naquelas zonas de radio reducido.