O Concello da Coruña e a Real Academia Galega presentaron este martes, na Fundación Luís Seoane, a serie web ‘Irmás da fala’ producida pola RAG co apoio económico do Concello da Coruña. O primeiro capítulo estréase esta mesma noite do martes ás 21.00 horas e posteriormente, cada martes, ata o vindeiro 28 de novembro, presentarase un novo episodio na web de RAG e a través de Youtube. A serie poderá verse ademais en Nós TV e en Movistar Plus.
Trátase dun documental de 90 minutos en catro capítulos sobre as irmandiñas, que reivindicaron os dereitos das mulleres como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino. O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu na presentación xunto coa secretaria da institución, Margarita Ledo e acompañados pola guionista, Ana Viqueira, e a a poeta Rosalía Fernández Rial, condutora dos catro capítulos.
“A Coruña é berce do galeguismo e do feminismo galego e as irmandades da fala son o mellor exemplo, contando con decenas de mulleres entre as súas filas que puxeron a igualdade e a lingua no centro da acción”, explicou Castro.
O 18 de maio de 1916 celebrouse no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega, na rúa Rego da Auga da Coruña, a primeira xuntanza das Irmandades da Fala. Nacía así un movemento chave que abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega e de Galicia como suxeito político, formado por agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter unhas 700 persoas afiliadas.
As escasas fotos dos seus encontros amosan practicamente só facianas masculinas, e naquela xuntanza fundacional estivo unha única muller, Micaela Chao Maciñeira. Elas tamén participaban nos debates políticos e loitaban polos seus dereitos como cidadás cando aínda nin se recoñecera o voto feminino. De todo isto dá conta 'Irmás na Fala', a serie web que produce a RAG -co apoio económico do Concello
da Coruña- para contribuír ao coñecemento e recoñecemento de mulleres que abriron camiños de futuro para todas.
A narración de ‘Irmás na Fala’ enlíñase a través das biografías de cinco irmandiñas destacadas: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.
Micaela Chao Maciñeira foi compañeira do home que liderou a creación das Irmandades, Antón Villar Ponte; e Elvira Bao e Amparo López Jeán tamén tiveron compañeiros de vida comprometidos co galeguismo, mais o seu papel e o doutras compañeiras nas Irmandades da Fala foi autónomo e activo, por máis que fosen “as obreiras invisibilizadas”, en palabras de Emilio Xosé Ínsua, dunha organización que se declarou a favor da emancipación feminina dende os primeiros compases. “Que un movemento que nace no 1916 proclame na súa primeira xuntanza xeral que a muller e o home teñen que ser iguais en dereitos dá a medida do seu compromiso, en teoría, coa causa da igualdade das mulleres. O nacemento da Sección Feminina dentro da Irmandade Coruñesa respondía a ese clima”, expón o investigador no capítulo 1, que ten como protagonista a Micaela Chao Maciñeira.
O martes 14 de novembro estrearase o segundo episodio, centrado en Elvira Bao e María Miramontes, dúas figuras centrais na galeguización da educación que defendían as Irmandades da Fala, que trataron de poñer en marcha as Escolas de Insiño Galego. O 21 de novembro lanzarase un novo episodio sobre Amparo López Jeán e Emilia Docet e o derradeiro capítulo, que poderá verse a partir do 28 de novembro, abordará o legado das irmandiñas.