O pasado 22 de abril formalizouse a doazón de fondos arquivísticos e bibliográficos de Evaristo González Fernández (Evaristo de Sela), que a súa filla, Stella Maris González Balbuena, fixo á Fundación Penzol, que estivo representada na sinatura do documento polo seu presidente, Manuel Puga Pereira.
Evaristo de Sela —o seu nome literario— naceu na Granxa (Sela, concello de Arbo) o 2 de marzo de 1917. Entre 1929 e 1933 estudou no Seminario Conciliar de Tui. Realizou unha estadía, de 1933 a 1935, como novizo, en Marquain (Bélxica).
En xullo de 1936 realizaba o servizo militar en Pontevedra, no Rexemento de Artillería Lixeira número 15. De resultas do alzamento, negouse a ir á fronte, polo que foi condenado en consello de guerra, por deserción, a reclusión militar perpetua.
Permaneceu en prisión dende o 19 de setembro 1936 ata o 23 de xullo de 1942. Exerceu a docencia, sen papeis, nos colexios Labor, Cluny e Maristas de Vigo até 1962. Casou con María Teresa Balbuena o 27 de agosto de 1949; o matrimonio tivo catro fillos: Evaristo, Stella Maris, Ignacio e Santiago.
En xuño de 1960 licenciouse en Filosofía e Letras (Sección de Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu, ata o curso de 1963, como profesor interino de Lingua e Literatura Española no vigués Instituto Santa Irene.
Ese ano gañou as oposicións de agregado de Grego, materia que impartiu desde o curso 1964 ata 1979, ano en que gañou a cátedra, que lle supuxo o traslado ao Instituto Santo Tomé de Freixeiro ata a xubilación, o 31 de setembro de 1985.
En 1985 fundou a Asociación de Amigos de Grecia, da que foi presidente.
Faleceu aos 77 anos, o 28 de xuño de 1994.
En 1977 publicou, en Edicións Castrelos, a tradución ao galego dunha parte dos cantos de "A Ilíada", que o Consello da Cultura Galega publicou íntegra en 1990. O Consello tamén publicaría, en 1992, a de A Odisea. En 1991, a Xunta de Galicia publicou Poesía neohelénica (1708-1977), con versións galegas da súa autoría vertidas do grego moderno.
En 2019, coordinado por Xosé Abilleira Sanmartín e María Stella González Balbuena, Edición Xerais, publicou o libro "Homenaxe a Evaristo de Sela" (1917-1994). Estudos e lembranzas sobre a vida e a obra do helenista e poeta. María Stella tamén preparou a edición da súa obra poética, "Versos de preso e outras rimas" (Ediciós do Castro, 2007).
Os documentos da doazón ocupan trece caixas de arquivo e un cartafol cos seus títulos de bacharel e licenciado en Filosofía e Letras.
DOCUMENTOS PERSOAIS: Títulos de bacharel superior e licenciado en Filosofía e Letras. Expedientes de preso en cárceres franquistas, autobiografía inacabada (manuscrita). Carpeta con cartas, cadernos, follas e contratos de colexios e expediente académico. Recensións de xornais e entrevistas.
CREACIÓN LITERARIA EN PRISIÓN: Cadernos con poesías manuscritas escritas das estadías nos cárceres de Caldas de Reis, Illa de San Simón e San Cristóbal (Pamplona).
OUTRA CREACIÓN LITERARIA: Poemario de temática diversa que ocupa unha caixa de arquivo.
TRADUCIÓN DOS CLÁSICOS AO GALEGO: Orixinais das traducións de A Ilíada, A Odisea e Poesía neohelénica.
DOCUMENTOS DE FUNCIÓN: Libretas do seu traballo como profesor: grego, latín, arte, varios. Tres caixas con traballos de alumnos.
MATERIAL DE BIBLIOTECA: A Ilíada e A Odisea, editadas polo Consello da Cultura Galega. Poesía neohelénica, exemplares da revista Seliña e outras publicacións.
A documentación está xa clasificada e ordenada para consulta das persoas interesadas na sede da Fundación Penzol da Casa Galega da Cultura de Vigo.