López Campos referenda en Culturgal o compromiso da Xunta coa producción cultural galega e en galego

López Campos referenda en Culturgal o compromiso da Xunta coa producción cultural galega e en galego
Culturgal

Centos de profesionais das industrias culturais galegas e público xeral danse cita ata este domingo en Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que acaba de abrir as portas da súa 17ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, interveu este mediodía na inauguración do encontro, onde reafirmou o compromiso da Xunta co impulso á produción cultural galega e en galego, así como con este gran evento anual do sector, do que continúa a ser a principal entidade patrocinadora. 


López Campos puxo en valor o papel da industria creativa galega e dos seus profesionais na difusión da cultura e da lingua propias como elementos singulares de Galicia, sen menoscabo da súa crecente competitividade e proxección internacional. “Ao tempo, non podemos esquecer o valor estratéxico do conxunto do sector cultural a nivel socioeconómico”, continuou.

 

A este respecto, fixo referencia aos positivos datos que arroxa a recente VIII Conxuntura estatística do ámbito cultural, publicada polo Consello da Cultura Galega, entre os que subliñou o crecemento da produción e, especialmente, do consumo cultural por parte dos fogares galegos, que en 2023 gastaron máis de 500 millóns de euros en servizos e produtos culturais. Ademais, o sector dá emprego a 36.800 persoas na nosa Comunidade, mantendo así unha tendencia de estabilidade que tamén se reflicte no número de empresas, con 135 novas firmas rexistradas en 2023.

 

Consolidación e crecemento do sector
“Desde a Xunta de Galicia, en estreita colaboración cos principais colectivos sectoriais do sector, estamos a centrar os esforzos no mantemento deste camiño de consolidación e crecemento nas industrias culturais”, sinalou, ao tempo que lembrou que as empresas e profesionais da cultura contan, por parte da Administración autonómica, con diferentes convocatorias de subvencións e programas de fomento “para impulsar a creación e distribución dos produtos culturais, facilitar o acceso a novos mercados e ampliar os seus públicos”, entre outras liñas de traballo.

 

O conselleiro animou a cidadanía a se achegar ao Pazo da Cultura pontevedrés durante esta fin e semana para ser testemuña do bo momento que vive a nosa cultura a través das máis das 200 actividades desta 17ª edición da feira, que conta tamén cun centenar de expositores e a participación de 500 artistas. 


Coloquio ‘Xuventude Crea’ 
O conselleiro completou esta primeira xornada no Culturgal cun coloquio coas mozas e mozos gañadores das categoría de Novela, Poesía e Banda Deseñada do certame Xuventude Crea, aos que felicitou pola “sensibilidade e talento” reflectidos nos seus traballos. O máximo responsable de Xuventude da Xunta erixiunos como “referentes e exemplo” para o resto da mocidade, “que a través destes premios comproba que se valora a súa capacidade creativa, e tamén que o fagan en galego”.

 

Os gañadores na categoría de Poesía no Xuventude crea foron Alexandre Guerra, co poema Anfisbena do salitre; Xián Lois Alcayde Dans, con Éxodo; e Sofía Ruvira, con Canícula. Os rapaces e rapazas gañadoras na modalidade de Novela curta foron Alba Guzmán, coa obra A vinganza de Paquiño Jackson;  Aarón Barreira, con Carmilla e achegados; e Marcos Gómez, co traballo O que ocultan as sombras. Ademais, decidiuse outorgar unha Mención de honra a Adrián Noia, pola obra A muller dos ollos tristes.

 

Na categoría de Banda Deseñada o primeiro premio recaeu en Izar Magallanes, coa obra Negra Sombra: o segundo,  para Jennifer de la Torre por Señardade; mentres que o terceiro premio foi compartido entre Alba Chan, coa obra Minha axenda, e Manuel Tudela, con Epicleto.

 

Máis dunha vintena de accións
Ademais do apoio económico á Asociación Culturgal para a organización do evento, o Goberno galego contribúe a esta programación cunha vintena de accións que terán lugar tanto no expositor institucional como no resto de espazos do recinto.

 

Deste xeito, a programación da xornada de hoxe da Xunta contará esta tarde cunha representación da recoñecida performance Queridas viejas, da artista multidisciplinar María Gimeno. Esta peza faise no marco da presentación do catálogo da exposición Outras historias posibles, que se pode ver ata xaneiro no Museo Centro Gaiás, da Xunta de Galicia.


Complétase esta programación da Xunta cunha representación do proxecto escénico Ca-co-flex! Trátase dunha proposta encadrada nas axudas do programa Residencias Artísticas do Gaiás, promovido pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura

 

Apoio Xunta audiovisual
Finalmente, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistirá este serán á preestrea da película de Zeltia Outeiriño Filmei paxaros voando, producida por Sétima con subvención da Xunta de Galicia. 

López Campos referenda en Culturgal o compromiso da Xunta coa producción cultural galega e en galego

Te puede interesar