O secretario xeral da Lingua, Valentín García participou hoxe na presentación dos primeiros catro volumes da recompilación Os Bolechas. Colección Historia de Galicia, onde puxo en valor a creación de novas iniciativas para fomentar o galego entre os máis cativos. Trátase dunha proposta na que colabora a Xunta de Galicia con Edicións Bolanda, Caixa Rural Galega e a CRTVG, e que inclúe tamén a emisión de recursos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, explicou que esta media forma parte das primeiras accións postas en marcha polo Goberno galego para impulsar o uso e prestixio da lingua en toda a sociedade e, nomeadamente entre os máis mozos ou en espazos urbanos. Así, Valentín García sinalou que este tipo de obras "permiten achegarlle de maneira lúdica e no noso idioma á cativada, a nosa historia, persoeiros, tradicións e idiosincrasia".
Deste xeito, o secretario xeral da Lingua detallou que esta nova ferramenta inclúe os libros no seu formato máis tradicional e unha serie animada que xa se está emitindo no espazo Xabarín, “para animar tamén á lectura e ao consumo audiovisual en galego da nosa xente máis miúda”. Ademais, tal e como se anunciou na cita, aos catro volumes presentados hoxe, sumaranse ao longo do vindeiro ano outros tantos que completarán esta recompilación.