A Xunta de Galicia, a través dunha delegación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destacou o importante papel das Furgotecas no Impulso dunha cultura máis inclusiva e accesible. Fíxose no marco do XI Congreso Nacional de Bibliotecas Móbiles que se está celebrando esta fin de semana na localidade de Vic, en Cataluña.
Así, no marco desta cita, púxose en valor esta iniciativa que se encadra na liña de traballo posta en marcha pola Administración Autonómica para dar cobertura aos municipios rurais das provincias de Lugo e Ourense, nos que non existe servizo de bibliotecas para conseguir dar resposta ás necesidades dos galegos que viven máis afastados dos núcleos de poboación.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2023, o servizo das bibliotecas móbiles da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, recibiu máis de 14.300 visitas que realizaron preto de 1.400 carnés de usuario. Ademais, facilitáronse case 15.000 préstamos e programáronse un total de 335 actividades de dinamización que acadaron unha participación de máis de 6.000 asistentes.
Estes bos resultados deron conta da necesidade de ampliar esta iniciativa cunha nova ruta que percorrerá unha decena de concellos da zona occidental da provincia de Ourense, que se suman ás dúas liñas activas, desde marzo de 2023, en 20 municipios de Lugo e Ourense.
Deste xeito, a Xunta de Galicia traballa activamente na posta en marcha de iniciativas que acheguen unha oferta de ocio ampla e diversa a todos os lugares de Comunidade e para todos os públicos en liña coa futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten previsto aprobar antes de que remate o ano.