Quique Fornos: “Nunca tivemos dúbidas: sabiamos cal era o camiño”

Quique Fornos: “Nunca tivemos dúbidas: sabiamos cal era o camiño”
Fornos, nunha acción do encontro que enfrentou ao Racing co Badajoz | d. aleaxandre

Só catro xogadores do plantel do Racing de Ferrol teñen xogado nas dezasete xornadas do campionato de liga da Primeira RFEF máis minutos que Quique Fornos –As Pontes, 1997–. O central é unha das prolongacións do adestrador Cristóbal Parralo no terreo de xogo e, polo tanto, tamén un dos artífices de que a escuadra ferrolá atinxise os postos de playoff de ascenso a Segunda.


Rematan o ano no mellor momento e entre os cincos primeiros do grupo. Que valoración fai desta primeira fase da competición?

A verdade é que estamos satisfeitos. Rematar esta case primeira volta cumprindo un dos obxectivos, que é meterse neses postos de playoff para loitar por algo máis, é para estarmos contentos. Despois, se queremos ser un pouquiño máis esixentes con nós mesmos, temos que analizar un pouco o que nos pasou este ano na casa. Na Malata custounos máis conseguir vitorias, houbo moitos puntos que se nos escaparon, pero en xeral o equipo sempre deu a cara en todos os partidos, tanto en casa coma fóra, e grazas a iso chegamos aos 28 puntos que temos agora mesmo, estamos quintos e mirando máis cara arriba que cara abaixo.


Sumar máis puntos a domicilio que na casa semella algo fortuíto, pois a idea que se transmite cara a fóra é que o plantexamento é sempre levar a iniciativa...

Si, a idea de xogo é clara. Nós sempre intentamos mandar nos partidos, intentamos ter o balón o máximo tempo posible para construír e chegar con orde á área contraria. Sempre intentamos iso, tanto na casa coma fóra. É certo que ás veces hai partidos en que estás máis fino e outros en que o estás menos, pero o obxectivo é sempre conseguir os tres puntos.


O adestrador dixo trala vitoria ante o Calahorra que meterse nas posicións de playoff era anecdótico nesta altura. Estará o Racing aí ao final?

Si, agora mesmo as sensacións son moi boas. O equipo está traballando moi ben, atopámonos moi ben en todos os partidos, así que, por que non aspirar a eses postos de playoff? É certo que quedan moitas xornadas por disputarse, moitos puntos en xogo, que temos que ir pouco a pouco e ter a cabeza fría e os pés na terra. Sabemos como está a categoría e, se baixas a garda, deixas de gañar en tres ou catro partidos seguidos e volves para abaixo. Temos que estar tranquilos e, como dicía Cristóbal, o bonito sería verse ao final da tempada neses postos.


Houbo algún momento de dúbidas sobre as posibilidades do equipo cando non se gañaba, malia que, agás un ou dous partidos, o Racing facía máis por gañar que os seus rivais?

Non, nunca. Desde o principio tiñamos claro que estabamos adestrando ben, que faciamos as cousas ben, sacando eses detalles que non tiñamos moi pulidos e que tanto nos castigaban. Nos partidos os rivais apenas nos xeraban ocasións e, coa que xeraban, facíannos gol. Iso podíache minar un pouco a moral, pero, ao final, estando xuntos, desde a humildade e traballando moito, fomos quen de facer un equipo máis forte e agora queremos seguir sumando de tres en tres para non descolgarnos desa zona alta da táboa.


A nivel particular, está satisfeito co seu rendemento, tendo en conta que é dos xogadores con máis minutos do equipo?

Síntome moi valorado por Cristóbal. Coñecémonos desde hai anos e el ten esa confianza en min que eu quero devolverlle en cada partido para seguir medrando. O importante é ser conscientes de que a competitividade interna é moi alta, calquera que entre pode facelo ben. Estou contento co meu rendemento e coa miña aportación ao equipo, pero sabendo que sempre hai que dar un pouco máis e seguir traballando. Canto mellor esteamos cada un de nós, mellor vai estar o equipo, e iso, á fin e ao cabo, é o importante.

Quique Fornos: “Nunca tivemos dúbidas: sabiamos cal era o camiño”

Te puede interesar