A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, asistiu hoxe á tardiña á presentación de Juventino Trigo como candidato á Alcaldía de Fene nos vindeiros comicios do 28 de maio e puxo de relevo, na súa intervención, “o seu compromiso con este concello, a honradez dunha persoa que coñece este municipio como a palma da man e sabe aproveitar todo o potencial desta vila”.
Pontón amosouse convencida de que a formación obterá un “resultado histórico” nas vindeiras eleccións, grazas “á lección de dignidade e de honestidade política ao longo destes anos” de Trigo e o seu equipo.
A líder nacionalista fixo fincapé, tamén, en que “a inmensa maioría dos veciños e veciñas deste municipio quere que Fene siga tendo un concello transparente, de portas abertas, onde todas as persoas sexan tratadas por igual, cun alcalde dialogante, que escoita e que sempre ten a man tendida”, sostivo.
No seu discurso, Pontón destacou, ademais, o aval de poder presentarse ante a veciñanza cun modelo municipal que “funciona e que hoxe é referente en toda Galiza”.
“Representa ás solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade, aprendendo do mellor que existe no mundo, porque os gobernos do BNG son exemplo de como se pode transformar a realidade desde un concello”, apuntou.