FERROL | Iván Rivas (BNG): “Vexo a Ferrol cun futuro prometedor e con moitísimos recursos para acadalo”

FERROL | Iván Rivas (BNG): “Vexo a Ferrol cun futuro prometedor e con moitísimos recursos para acadalo”
O candidato do BNG de Ferrol, Iván Rivas, na praia de Doniños I Jorge Meis

Iván Rivas encabeza a lista do BNG por terceira vez co obxectivo de incrementar a representación obtida nos últimos anos e liderar un cambio de rumbo.

 

Se se erguese mañá e unha medida do seu programa puidese estar cumprida, cal sería?
Que o Sánchez Aguilera fose un gran pulmón verde, un parque magnífico que ocuparía o corazón de Ferrol conectando tres barrios e iniciando o camiño para unha cidade sustentable, saudable e de futuro.

 

Unha vez que se firmou o convenio con Defensa, é isto posible? Acúsase ao BNG de propor medidas que non se poden cumprir. 
Pódense facer se existe a vontade política de facelo, se hai un goberno local cun liderado do BNG. Non facemos propostas no aire, son moi elaboradas e incluso recollen a maneira en que hai que executar o procedemento. A súa viabilidade depende da vontade política de realizalas.

 

Que se pode facer desde o eido municipal contra o despoboamento?
Os dous principais eixos para o asentamento de poboación pasan por xerar emprego de calidade e desenvolver unha política de vivenda asequible. Hai outras variables, debemos ter en conta a situación de illamento dunha cidade que carece de infraestruturas ferroviarias ou cun transporte precario. Isto implica que unha persoa que queira vivir en Ferrol e que traballe na Coruña ou en Santiago, pensará en trasladar o seu lugar de residencia. Témolo que resolver de forma urxente.

 

Que aporta a súa formación á política local de Ferrol?
Aporta unha perspectiva de futuro, de dignidade, e o feito de ser unha organización que non ten dependencias externas nin ataduras. Aporta ademais vangarda, propostas actualizadas, contextualizadas nun debate político, cultural, territorial e urbanístico máis amplo. As políticas do BNG onde goberna así o demostran.

 

Hai contextos persoais e colectivos moi difíciles como para pensar que a política é dura

 

Como imaxina Ferrol dentro de catro anos se goberna o BNG?
Imaxínoa como unha cidade moderna, que mira cara ao futuro, sustentable e que está orgullosa de ser o que é. Vexo a Ferrol cun futuro moi prometedor e ademais con moitísimos recursos para poder acadalo.

 

É difícil sustentar ao goberno desde a oposición e non perder a identidade?
O difícil é ser coherente, independentemente de se estás na oposición ou no goberno. Nós se algo tentamos facer é unha política baseada nas propostas coas que nos presentamos ás eleccións.

 

Dígame un acerto e un erro do goberno socialista.
Creo que cando nos orzamentos municipais incorporamos algunhas demandas como, por exemplo, a rehabilitación do mercado de Recimil, é un acerto. Pero fáltanos a seguinte fase, que é executar o que se comprometeron a facer. E tamén é un acerto rectificar a posición, como están facendo en campaña, sobre a creación dunha empresa municipal de transporte.

 

E  o erro.
Creo que o erro máis evidente deste mandato foi a aprobación co PP do convenio con Defensa. Evidencia que se adoptan decisións en función de intereses alleos, que non son os da cidade.

 

E respecto ao BNG?
Por exemplo o feito de que, ao inicio, fomos capaces de reorientar o destino do superávit do ano anterior, de 2019, cara á rehabilitación de Recimil. Un erro... a sensación de impotencia por non ter chegado a máis sitios, a máis colectivos desfavorecidos por falta de medios humanos e materiais.

 

Con que expectativas parten?
Eu confío moitísimo nos veciños e veciñas e no noso proxecto político, creo que é excepcional para unha cidade extraordinaria. O noso obxectivo consiste, a partir do 28 de maio, en liderar a transformación de Ferrol, que necesita romper coa inercia do pasado.

 

Do resultado depende o seu futuro político? Pode ser un fin de ciclo para os candidatos que non logren os seus obxectivos?
Na política, desde o punto de vista institucional, hai que estar durante un tempo e a vida ten outras variables. No momento en que ese período remate non pasa nada e hai que reorientar a actividade cara a outros ámbitos. Eu no momento actual compatibilizo a miña vida profesional e o ámbito institucional. Hai periodos que se abren e que se pechan pero creo que non son ciclos que teñan a súa duración determinada.

 

Que é o máis duro da política?
Non teño claro que a política sexa dura. Creo que nesta sociedade hai contextos persoais e colectivos moi difíciles como para pensar que estar en política é duro.

 

E o máis gratificante?
Moitas cousas, sinceramente. O contacto social, a posibilidade de resolver situacións, a sensación de que o que estás facendo ten valor, significa avanzar. Creo que, como dicía o outro, a felicidade consiste en darlle sentido á vida, e seguramente non podemos decidir ese sentido completo pero se podemos decidir unha parte de maneira autónoma, libre, creo que é moi importante.

 

Como viviu a pandemia?
Foi un momento de incerteza porque era unha situación inesperada. Eu vivino, dentro do que é o ámbito municipal, con moita preocupación, despois cunha sensación de responsabilidade moi grande, porque estabas nun contexto que era totalmente extraordinario, e ás veces coa sensación de que nos estabamos quedando un pouco curtos. En calquera caso interésame que é o que podemos facer agora tendo en conta o que pasamos naquel momento e aprendendo do pasado. A necesidade, por exemplo, de socializar, de buscar lugares de encontro onde nos poidamos interrelacionar de maneira física no espazo público; as consecuencias psicolóxicas dese proceso, porque axudar aos veciños e veciñas a superar estas situacións é unha asignatura pendente todavía; e temos que reforzar o ámbito público desde todos os aspectos, pero o máis evidente é a sanidade.

 

Pida o voto para o BNG.
O que lle pido aos veciños e veciñas é unha oportunidade para unha organización política que non ten dependencias externas, cun proxecto político para esta cidade de futuro e que ademais se sente orgullosa de ser de Ferrol e de ser galega.

 

 

de preto

 

Un lugar de Ferrol ao que escapar cando non pode máis.
Dous, Marmadeiro e Lobadiz.

 

Se puidera resucitar a un personaxe histórico para tomar un café, quen sería?
Ricardo Carvalho Calero.

 

Que tarefa doméstica prefire?
Cociñar.

 

É noctámbulo ou madruga?
As dúas cousas.

 

Recoméndenos un libro para a xornada de reflexión.
“Taxi”, de Khaled Al Khamissi. Téñoo pendente.

 

E unha serie ou filme?
Dúas que vin recentemente, “Aftersun” e “The Quiet Girl”.

 

É supersticioso, ten algunha manía ou amuleto?
Amuleto, unha figa de Sargadelos coa que me agasallou un amigo este Nadal e que levo comigo.

FERROL | Iván Rivas (BNG): “Vexo a Ferrol cun futuro prometedor e con moitísimos recursos para acadalo”

Te puede interesar