Como cada inverno, a asociación cultural Felicia de Limodre (Fene), responsable do vedraño festival Felicia Pop, fai un acto para non botar de menos a súa cita de cada verán. Así, o próximo sábado 22 a partir das 19.30 horas a escola indiana da parroquia acollerá un variado acto adicado á figura dunha das bandas máis admiradas dos amantes do pop hispano: Los Negativos.
Contando coa presenza do seu cantante e compositor Carles Estrada, do xornalista Álex Oró, autor da biografía da banda, e do produtor Fernando Campillo, o acto comezará coa proxección do documental “Graduados en underground” do realizador Víctor Carrey.
A cita proxéctase en Limodre logo da súa estrea no festival barcelonés In-Edit e ao longo dela figuran persoeiros como Loquillo, os irmáns Gil de Brighton 64 ou o escritor Kiko Amat, entre outros, para reivindicar o perdurable legado da banda e a súa historia. Logo dun coloquio co público e un descanso, o Felicia Pop de inverno ofrece un par de concertos para os que hai que sacar entrada a un prezo de 8 euros (no facebook do festival ou tamén poden adquirirse na plataforma Woutick).
Será o momento de ver en acción a Carles Estrada que, acompañado da banda compostelana Espiño, tocarán diversas pezas do repertorio de Los Negativos así como do propio grupo Espiño. Posteriormente actuará a veterana banda eumesa Involucra2 e finalmente, haberá unha sesión de picadiscos.
O grupo barcelonés Los Negativos formado por Carles Estrada, Alfredo Calonge, Roberto Grima e Valentín Morató, cuxas vendas foron inversamente proporcionais á admiración provocada en afeccionados e crítica, debutou en 1986 co disco “Piknik Caleidoscópico”, unha obra mestra de psicodelia, garaxe e pop clásico sesenteiro no ronsel dos Beatles da etapa “Revolver”, dos Byrds, Kinks ou Stones. “Moscas y arañas” ou “Viaje al norte” soaron nas emisoras da época e incluso chegaron a actuar no programa “A tumba aberta” da TVG.
Tras o seguinte “18 sábado amarillo”, grandes cancións como “Bagdad” cunha produción errada, a banda iniciou nos 90 uns anos guadianescos nos que se xuntaba e se volvía a separar. Discos como “Puzzle”, “Dandies entre basura” ou o excelente “Duplexin” de 2015 amosan que nunca deixaron de facturar cancións cheas de letras intelixentes e coloristas e melodías contaxiosas. O falecemento de Morató e Calonge fan implosible a continuidade da banda, por iso o acto de Felicia na escola de Limodre é toda unha homenaxe a un legado inzado de talento que os amantes do pop nunca deberían esquecer.