O Museo do Humor Xaquín Marín recibe a exposición do naturalista Ezequiel Martínez

A iniciativa vén da man de Afundación, entidade que quere expandir as súas accións ás vilas
O Museo do Humor Xaquín Marín recibe a exposición do naturalista Ezequiel Martínez
O profesional é xornalista xubilado e educador ambiental | CEDIDA

“Fauna esencial” é a mostra que se inaugurará este luns, ás 11.00 horas, no Museo do Humor Xaquín Marín, grazas á colaboración de Afundación co Concello de Fene. A selección é obra do fotógrafo especializado en retrato de natureza, amais de colaborador de numerosas revistas especializadas, Ezequiel Martínez.


Esta exposición está integrada por un total de 28 fotografías, coas que se realiza un percorrido polas especies máis representativas da nosa contorna, dende mamíferos até aves, que desempeñan un papel fundamental para o ecosistema.


Os textos explicativos acompañan cada unha das imaxes exhibidas, para achegar ao público información como poden ser as características biolóxicas, os hábitats ou os riscos aos que se enfrontan os seres retratados. A formulación deste modelo expositivo, que combina documentos escritos e gráficos, ten o obxectivo de facer un chamamento á reflexión e á acción.


Ademais, a colección enmárcase no programa solidario “Cultura por alimentos”, que desenvolve a Obra Social de Abanca en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Por este motivo, anímase aos visitantes a achegarse á mostra cunha doazón de produtos non perecedoiros, que poderán entregar ao acceder ás instalacións.


Esta iniciativa constitúe un exemplo do impulso da capilaridade cultural que pretende realizar Afundación en Galicia, de xeito que a oferta artística saia das súas sedes, como a de Ferrol, para trasladar as actividades da entidade tamén ás vilas.


Apertura

As institucións implicadas estarán representadas na inauguración a través da presenza de personalidades pertencentes tanto ao goberno municipal como a Abanca e Afundación. De luns a venres, as visitas realizaranse de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00, mentres que os sábados limitaranse ao horario matutino. Durante o Nadal, dende o sábado 21 ao 7 de xaneiro, incluídos, de 10.00 a 14.15, cos sábados, domingos e festivos pechado.

O Museo do Humor Xaquín Marín recibe a exposición do naturalista Ezequiel Martínez

Te puede interesar