O Museo Xaquín Marín de Fene fusiona dúas actividades este venres, coincidindo no mes do seu 40 aniversario. Na Casa da Cultura, os gañadores do XXVIII Concurso de Humor Gráfico recibirán os seus recoñecementos nun acto no que tamén se ofrecerá un monólogo de Pepo Suevos, enmarcado na proposta “Novembro, Mes do Humor”.
Esta iniciativa constitúe un programa de actuacións dirixidas ao público adulto todos os venres, que comezan coa función titulada “Á caída”, a cargo de Pepo Suevos. O cartel complétase con outros artistas de renome como son Leti da Taberna, que presentará “Enredada”, o día 15; Avelino González, con “Eran elas!”, o 22; e Brais das Hortas, con “Contos de defuntos (e outros asuntos)”, na xornada do 29.
Todas estas citas terán lugar ás 20.00 horas e serán de balde. Os interesados en asistir deben retirar a súa entrada, tanto para a entrega dos premios Curuxa como para os monólogos, cada venres, o propio día do espectáculo, a partir das 19.00. Á mesma hora, no día inaugural de “Novembro, Mes do Humor”, representantes da corporación municipal fenesa recibiran aos galardoados na sala de exposicións temporais do museo, inaugurando neste momento a mostra dos debuxos afortunados e unha escolma das obras que se presentaron este ano.
Nesta convocatoria dos Curuxa do Humor, Juventino Trigo, alcalde, e Justo Ardá, concelleiro de Cultura, entregarán os diplomas acreditativos do premio aos debuxantes Adrián Dopico López, pola súa obra “Mal de moitos”; a Lucas Sixto Carballeira, por “Dieta do futuro”, e Iván Mata Tamayo, por “Yolanda Díaz”. Ademais do certificado, os artistas obterán unha gratificación económica de 2.500 euros, no caso do primeiro premio Curuxa; 1.500 euros, para a categoría de Caricatura, e 1.000 euros do premio Curuxa Nova.
Así, Adrián Dopico obterá a maior cantidade polo seu traballo, do que o xurado salientou o vencello da súa temática á idiosincrasia galega. O segundo importe adxudicarase a Iván Mata, por unha obra na que a protagonista é perfectamente recoñecible, segundo os xuíces. A última cifra será para Lucas Sixto, elixido por levar ao terreo do absurdo un tema de actualidade.
Os Curuxa naceron no mesmo ano de fundación do Museo do Humor, en 1984, e continuaron propoñéndose ininterrumpidamente até 2007. Posteriormente, en 2014, o Concello de Fene recuperou este concurso que premia aos mellores humoristas gráficos. Aínda que no inicio dispuxéronse máis categorías, actualmente quedan tres. Non obstante, o xurado pode designar mencións de honra, como as que este ano se outorgan a Ricardo Oliveira Almozara, Manuel Arriaga de León, Eduardo Pérez Baamonde e Roberto Marcelo Bianchi.