Un dos festivais máis emblemáticos do xénero na escena galega, o FeneRock, prepárase para a súa XXII edición, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de setembro no paseo marítimo de San Valentín, en Fene. A organización vai abrindo boca para o encontro co anuncio da súa primeira confirmación, os cordobeses Viva Belgrado.
Esta banda, unha das máis innovadoras do panorama do rock nacional, presentará no evento o seu cuarto álbum “Cancionero de los cielos”, que o ano pasado acadou múltiples recoñecementos de medios tanto xeralistas como especializados. Os pases xa están á venda a través da web do festival, fenerock.gal/entradas, onde tamén se pode atopar máis información sobre o mesmo.