Abrazos simbólicos para conmemorar o Día do Donante na Área Sanitaria

Na Área Sanitaria de Ferrol, hai rexistradas un total de 9.847 tarxetas de doante
Abrazos simbólicos para conmemorar o Día do Donante na Área Sanitaria
Na imaxe, a mesa informativa de Alcer no Campus. Tamén ofreceu información no Cardona e o Marcide.

Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes da Asociación Alcer celebraban xuntos onte o Día Mundial do Doante, que se conmemora hoxe mércores 5 de xuño, cuns abrazos simbólicos dedicados a todas aquelas persoas que doan os seus órganos e salvan vidas con ese acto altruísta. 


Na Área Sanitaria de Ferrol, producíronse un total de tres doazóns multiorgánicas neste pasado ano. Estas doazóns implican poder salvar 15 vidas (tres corazóns, tres fígados, tres páncreas e seis pulmóns), e mellorar a vida de cando menos 12 persoas máis coas córneas e os riles.


Días como o que se conmemora hoxe “serve para dar as grazas ós doadores e recordar a importancia de doar órganos”, como puxeron de manifesto onte na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Así, quixeron das visibilidade a este acto altruísta, a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; o xefe do Servizo de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; as facultativas da UCI do CHUF, Isabel Álvarez Diéguez e María José Castro, e o enfermeiro da UCI, Javier Hermida, que se sumaban ao tempo á campaña de Alcer. Por parte da asociación estiveron presentes o seu presidente, Rafael Rodríguez; a tesoureira, María José Brión; a técnica, Ana Trasmonte; e os voluntarios Montse Moreda, Iago Rodríguez e Ángeles Fernández.


O de onte non foi un acto illado polo Día Mundial do Doante, de feito, no pasado mes de maio, os coordinadores da doazón nesta Área Sanitaria (son catro membros: tres facultativos e un profesional de Enfermaría) realizaban actividades formativas sobre doazón de órganos para todo o persoal de Enfermaría da Área.


Por outra banda, en colaboración con ADOS (a Axencia de Doazón de órganos e Sangue en Galicia), estes profesionais acoden tamén a institutos para dar a coñecer o que supón facerse doante e poder salvar vidas.


Dende o equipo de coordinación da Área Sanitaria de Ferrol, quixeron trasladar o seu agradecemento “ós doantes e ás familias dos doantes, polo seu grande acto de solidariedade. Grazas no noso nome, no da sociedade, e, sobre todo, damos as grazas en nome dos receptores e tamén das súas familias”.

 

Du00eda do doante de u00f3rganos abrazos 04 06 24
Facultativos do Marcide e membros de Alcer cos seus abrazos simbólicos de agradecemento

 


Nefroloxía 
 

O Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol soe sumarse en colaboración coa Asociación Alcer ós días Mundiais relacionados coa doazón de órganos.  Un dos obxectivos é sempre concienciar sobre a prevención para non chegar a precisar un tratamento renal substitutivo, entre os que figuran o transplante renal. 


A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables, como a diabetes e a hipertensión. “Por isto son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes, pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral, ou con historia familiar de enfermidade rena”, precisan desde a Área.


Así pois, destacan os facultativos que cómpre seguir unha serie de medidas xerais de prevención como o exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta sana, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. “O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión”, subliñan. 

 

 

Tarxeta de doante

 

Desde a Área Sanitaria de Ferrol lembran que a mellor forma para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doante. A tarxeta de doante é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. Pero a súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Non obstante, o máis importante é que a familia coñeza ese desexo, xa que os médicos sempre  van consultar aos familiares que poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás polo falecido. Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, por exemplo; tamén a través de organizacións privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do espazo web da Área Sanitaria de Ferrol, onde se ofrece información sobre a doazón, as preguntas más frecuentes que se soen formular os interesados, onde doar, ou como facer a tarxeta de doador. Neste ámbito, facilítase información e números de contacto para que non quede lugar a dúbida.

 

 A tarxeta sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe. 

 

Na Área Sanitaria de Ferrol, hai rexistradas un total de 9.847 tarxetas de doante na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). 

 

Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); así como a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doante en vida ou tralo falecemento.

Abrazos simbólicos para conmemorar o Día do Donante na Área Sanitaria

Te puede interesar