Non son precisamente dados á saír nos medios os membros do comité central da Asociación Cultural Felicia, organizadora, desde hai xa dúas décadas e media, do festival musical máis lonxevo de Galicia, o Felicia Pop de Limodre. Un mérito incontestable que, porén, non é quen de sacalos dese anonimato autoimposto. Para que cambiar cando as cousas van ben?
Que poden destacar do cartel desta edición con respecto ás anteriores?
Un peso maior se cabe de bandas galegas sempre infravaloradas pero que no festival sempre funcionaron moi ben, e seguro que así pasa este ano con Grampoder, Bule, Espiño e o agardado regreso mundial dos Blood Filloas. Logo, por curiosidade, destaquemos unha ollada ao pop que vén desde Francia con artistas como Ian Kay e The Lullies. Unha paleta sonora do pop que toca todos os paos: ye-yé, power pop, soul, garaxe, glam, indie dos 90… hai de todos os estilos.
Cal é a clave para que un festival indie nun lugar tan pequeno leve tantos anos activo?
Non perder a perspectiva do tipo de música que che gusta e co que fuches educando ao teu público ao longo dos anos, e sobre todo non tolear cos cartos. Ao Felicia Pop puideron vir artistas de moita sona pero sempre tivemos claro que non lle podes pagar a alguén moito máis que ao resto e que era preferible non tolear cun grupo popular a costa de que ao ano seguinte non se puidese facer o festival. E vimos nacer e morrer a moitos sen saír de Galicia.
Como cualificarían o nivel actual da música indie? Cren que este tipo de música segue moi nas marxes das canles de difusión?
Xente interesante sempre houbo e sempre haberá, pero é certo que cada vez as bandas semellan máis nas marxes. De cando en vez hai algún pelotazo, como o “Cayetano” de Cristina Durante e cousas así. Hai certa visibilidade nos festivais pero logo, no resto do ano, os medios de comunicación sempre apostan polos mesmos artistas e estilos, cultura “mainstream” por un tubo, e as propostas máis anovadoras nunha esquina. Pero se tes espírito e paixón tiras para adiante.
Mirando cara atrás, cumpríronse os obxectivos que se marcaron cando crearon o festival a finais dos 90?
Totalmente. Durar un cuarto de século e organizar un festival nunha pequena parroquia por pracer, por ver a bandas que escoitas na casa a uns metros de onde vives non ten prezo. Ver tocar e falar en Limodre a PF Sloan, Honeybus, Litto Nebia, os Pretty Things, Cánovas, Rodrigo, Adolfo e Guzmán, os Revillos, os Primitives ou Magín Blanco é espectacular. E coñecer xente encantadora de toda Galicia e España, tamén.
Niso que se chama “feedback” cos espectadores, que é o que máis destacan deste festival?
Pois que un acaba facendo amigos, xente da Estrada, Ponferrada, Bilbao, etc., que cada ano cae polo festival. E hai unha fidelidade que ten incluso máis que ver coa afinidade persoal que co feito de compartir un estilo de música.
Hai grandes nomes da música que pasaron por Limodre e outros que, sendo máis descoñecidos no seu momento, se converteron logo en referentes. Cal é a clave para “acertar”, para detectar o talento?
Facer da necesidade virtude. Sabes que non tes moito carto pero podemos comentar que, a base de manter un nivel de esixencia, algún grupo baixou bastante o seu caché para tocar no Felicia Pop porque aínda que non o coñecese tiña excelentes referencias. As boas vibracións tamén cotizan na bolsa do mundo do espectáculo, afortunadamente.