A Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou en 2007 a xornada de onte martes, 25 de marzo, Día Internacional en Memoria das Vítimas da Escravitude e a Trata Transatlántica de Escravizados. Esta efeméride conmemorouse na praza de Amboage, con motivo dos recentes descubrimentos que constatan a orixe da fortuna do marqués que pon nome ao espazo e que foron merecedores do primeiro premio de investigación Ferro Caaveiro. O estudo darase a coñecer máis polo miúdo este venres, no centro social Artábria, ás 19.30 horas.
O día de onte conmemórase a nivel mundial, especialmente nos territorios que teñen algunha relación co comercio de persoas. “É un tema tabú que non se recoñece na historia de España”, declara o investigador Marcos Abalde, a pesar de que “foi o segundo Estado, a nivel mundial, que transportou máis persoas escravizadas de África para América”. Non obstante, o autor de “Indicios e evidencias dun ilustre negreiro: Ramón Plá, marqués de Amboage” dá conta do interese crecente, particularmente na comunidade catalá, no estudo destes vínculos.
Tal como relata Abalde, en Galicia, o catedrático de Historia Económica da UDC Luís Alonso Álvarez é o precursor no tratamento deste tema e o que lle propuxo a pesquisa nos protocolos notariais do capital de Ramón Plá, un exemplo “común no século XIX, supostamente xente humilde que de maneira milagrosa chega a Cuba e consegue unha fortuna sideral”.
Despois de investigar pola súa conta, “atopei probas concretas do seu vínculo, tanto co tráfico de persoas escravizadas, africanas e asiáticas, como coa explotación de man de obra escrava”. Con estes datos, o autor e outros colaboradores da asociación cultural Artábria despregaron onte unha pancarta para visibilizar esta parte da historia, tendo en conta a “imaxe branqueada” desta figura na cidade.
Así pois, o investigador sinala a incongruencia de continuar realizando ofrendas florais nas festas polo día de San Ramón. En especial, despois de que o Concello xa retirara a estatua do Marqués de Comillas, do mesmo xeito que se realizou con outras personalidades en puntos como Bristol ou Amberes. O encontro do venres, no que tamén participará Luís Alonso Álvarez, servirá para continuar este labor de divulgación ou, cando menos, abrir o debate social.