Adriana Cores (Lontreira) : “Cando non hai un estilo tan definido, traballar é moito máis doado e menos aburrido”

Adriana Cores (Lontreira) : “Cando non hai un estilo tan definido, traballar é moito máis doado e menos aburrido”
Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral | Lontreira

A vida corre ás présas para Lontreira, quen a raíz de gañar o ano pasado o programa A Canción do Verán da Televisión de Galicia con “Corazón de toxo” principiou unha carreira de éxito que ten levado a este trío vigués-arousán (Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral) a situarse xustamente ás portas do Benidorm Fest, a fase española de Eurovisión. Este sábado, ás 20.30 horas, actúa no teatro Jofre.

Lontreira está de moda, pero como definiría a súa proposta para quen non os coñeza?
Nós facemos pop electrónico, por resumilo todo moitísimo. O que pasa é que o noso directo difire un pouco en función de onde tocamos. No noso primeiro disco, “Apnea”, as cancións son un pouco máis paradiñas que o que ofrecemos en festivais, por exemplo. Son as mesmas cancións, pero dependendo do tipo de concerto e do escenario son máis animadas para que a xente poida bailar porque o repertorio é un mix latino cun pouco de todo. Entón, en teatros facemos unha posta en escena un pouco máis adaptada para que se poida ver sentado. Polo tanto, se tiveramos que definirnos, somos pop electrónico, pero adaptámonos superben a todas as idades e tamén a todos os gustos.

 

Como valora o momento que está a vivir a música feita en galego?
A música en galego está en auxe, pero eu penso que é algo que pasa desde hai moito tempo. A que me refiro? Agora mesmo, os músicos galegos que fan música en plan reguetón, unha música, digamos, máis para festivais, son os que están de moda e, de feito, a nós tamén nos coñecen grazas a isto, pero igualmente creo que en etapas anteriores estaba en auxe a música en galego, aínda que con outros xéneros, como o ska, o rock, etc, con mensaxes se cadra máis políticas. Polo tanto, non creo que estea máis en auxe que outras veces, pero si o estilo en si, os diferentes estilos. Grazas a Tanxugueiras, o “tradi” electrónico ou o “tradi” en xeral ten moitísimo boom. Hoxe en día temos calquera xénero de música que queiramos coñecer e buscar na palma da man, no noso propio móbil, temos música ultraaccesible, e isto hai anos non o había e chegar aí era moito máis complicado. As modas son moi pasaxeiras e superespontáneas. Igual agora non se leva e a partir de mañá comeza a levarse o canto polifónico. Vai ti saber!

Non creo que a música en galego estea agora máis en auxe que hai anos, aínda que si hai un cambio no estilo que se emprega para facela

Como naceu Lontreira?
Lontreira, con este nome, naceu cando gañamos o programa A Canción do Verán na TVG. Gañámola con “Corazón de toxo”, que supoño que é a máis coñecida, xunto con “Campo da festa”, e a partir de aí somos un grupo en constante evolución; non temos un concepto concreto, pero si imos facendo cousas novas. Nós coñecémonos en Churruca, en Vigo, na zona de festa, e aí comezou todo.

 

E como é traballar cando non hai un estilo tan definido?
Pois moito máis fácil que se tivésemos un estilo concreto. De feito, nós sentímonos superafortunados por poder ter un público obxectivo e sempre que imos tocar a calquera sitio á xente gústalle porque ao final non estamos facendo un estilo concreto. Tocamos moitos xéneros diferentes e para nós, ao final, é máis fácil así porque se temos unha idea de canción e podemos facela dá igual que sexa metal, electrónica, latina ou, como estamos facendo agora, panxoliñas. Non nos pechamos: penso en quen se pecha nun estilo e paréceme aburrido, sobre todo no momento de crear porque ao final quedarán sen ideas. A nós tamén nos pasa e iso que non nos pechamos a nada...

 

Prefiren o traballo en estudio ou o directo?
Eu prefiro o estudio, a verdade. O directo gústame, pero é que eu son unha persoa moi tímida. Estar en directo non é o meu forte. Gústame, pero se tivera que elixir, prefiriría facer cancións en estudio e que soen por aí.

 

Como están vivindo o proceso de Eurovisión?
Aínda estamos pendentes de saber se imos ao Benidorm Fest ou non. Para nós sería supertop ir, e sería megatop ir a Eurovisión. Non sei que podería haber máis aló; non temos os horizontes soñados...

Adriana Cores (Lontreira) : “Cando non hai un estilo tan definido, traballar é moito máis doado e menos aburrido”

Te puede interesar