Alba Felpete, coreógrafa: “A preparación da obra tivo moito de investigación en nós mesmas”

"Donas" preséntase este sábado no Jofre
Alba Felpete, coreógrafa: “A preparación da obra tivo moito de investigación en nós mesmas”
Alba Felpete é a fundadora de Cali Danza I Cedida

Alba Felpete –A Coruña, 1978– é a fundadora, directora e coreógrafa de Cali Danza, a compañía que regresa mañá sábado ao Teatro Jofre –20.30 horas– co seu novo espectáculo, “Donas”, unha evolución das ideas e os elementos que o público ferrolán xa puido albiscar no seu debut do ano pasado con “Feminitude”.

 

En que se diferencia “Donas” do seu espectáculo debut?
Como compañía comezamos a traballar en xullo de 2022 cun espectáculo de presentación que se chamaba “Feminitude” e que tamén levamos ao Jofre o ano pasado. A diferenza con respecto a “Donas” é que esta é xa unha obra máis extensa, cunha composición musical feita expresamente para ela –da autoría de Iain Armstrong– e cunha narrativa máis pechada. O formato anterior estaba máis estruturado en pezas soltas, en coreografías de tres, catro ou cinco minutos pero sen tanta conexión como hai en “Donas”.

 

Cal é a mensaxe que, como directora e coreógrafa, quere transmitir con esta obra? 
É, por expresalo dalgunha maneira, como se fose un canto co corpo á feminidade, ao universo feminino. É moi simbólico, é dicir, poñemos enriba do escenario algúns elementos que pertencen a un inconsciente colectivo de todas as mulleres para que o espectador poida interpretar, dunha maneira moi ampla, todo ese universo feminino: falamos da ciclicidade, da vida, da morte, hai nacementos e hai perdas, hai unha parte de denuncia de tantas agresións, de tipos de violencia sexual, máis ou menos explícita: é un percorrido por moito do que a feminidade pode abarcar e sufrir tamén. 

Son nove as protagonistas de “Donas”. Como foi o traballo de selección das bailarinas e a preparación do espectáculo? 
Fixemos unha audición porque queriamos completar a plantilla. A metade xa estaban en “Feminitude” e as outras son de nova incorporación. Na preparación funcionamos máis ben por períodos intensivos e despois facemos unha especie de mantemento a distancia. A preparación foi moito de investigación en nós mesmas, nas mulleres máis próximas a nós, nas familias e nas amizades. Tamén empregamos un traballo que fixo a xornalista Cristina Fallarás nos últimos meses. Ela utilizou o seu perfil en Instagram como plataforma para que todas as mulleres denunciaran ou falaran de xeito anónimo de violencia, sobre todo sexual, ou abusos ao longo da súa vida. Collimos toda esta información e pasámola un pouco polo corpo. De aí xorde todo. Toda a parte física é bastante esixente.

 

Faltan máis visións femininas nas diferentes manifestacións artísticas e culturais? 
Totalmente. É unha parte que aínda está moi silenciada e que, me atrevería a dicir, dá un pouco de medo. Creo que a visión feminina en xeral –que non é só da muller, que podemos ter todos– asusta. É moi inxusto para as mulleres porque somos moi silenciadas, ás veces dunha forma sibilina, apartadas dos lugares en que se poden tomar decisións. Na danza hai moitísimas mulleres como intérpretes, pero non tantas dirixindo proxectos. É moi necesario apoiarnos e dar visibilidade a todas estas iniciativas.

 

Neste espectáculo é o corpo o que filtra toda esa carga, esa mochila, da muller? 
Realmente os primeiros 25 minutos do espectáculo –que dura preto dunha hora– é unha especie de descarga. Partimos da dor, da parte máis escura, que non só é nosa, senón tamén das mulleres de antes (e agardo que non o sexa das que están por vir). Asumimos toda esa carga física intentando pasar toda esa información ao corpo. Esa primeira parte da obra é descargar, que é un proceso esgotador.

 

Como xurdiu a idea de crear Cali Danza? 
O motivo principal foi por unha especie de rebeldía, pola necesidade de dar voz aos aspectos femininos coa ferramenta que eu teño, que é a danza. E tamén pensei o que lle custa a unha muller bailarina traballar –porque somos moitas– e, polo tanto, tamén hai un pouco de optimismo no sentido de crear unha compañía para mulleres e, isto é importante, para todo tipo de mulleres. Penso que a creación de Cali é como un manifesto de capacidade, de igualdade e de poder. Insisto en que o feminismo é bo para todos, tamén para os homes. É unha cuestión de equilibrar. Por iso é importante que as novas xeracións vexan iniciativas así para que nun futuro collan ese mesmo camiño. 

Alba Felpete, coreógrafa: “A preparación da obra tivo moito de investigación en nós mesmas”

Te puede interesar