Alejandro Vázquez: “Non queremos crear unha necesidade, senón axudar a resolver un problema”

O ferrolán é cofundador dunha spin-off xurdida no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica
Alejandro Vázquez: “Non queremos crear unha necesidade, senón axudar a resolver un problema”
Alejandro Vázquez, Javier Cuadrado, Florian Michaud e Urbano Lugrís, no LIM do Campus Industrial I UDC

A experiencia do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni– do Campus Industrial de Ferrol vén de cristalizar na creación da “spin-off” Motion and Force Engineering Solutions –MFES–, que traballa no deseño e desenvolvemento de servizos e produtos vinculados á biomecánica nas áreas da saúde e do deporte. 


Este proxecto empresarial está promovido polos investigadores Florian Michaud, Urbano Lugrís e Javier Cuadrado, baixo a iniciativa do enxeñeiro ferrolán Alejandro Vázquez. “Levamos moitos anos traballando en temas de biomecánica, no estudo do movemento en xeral”, explica, “pero sempre para empresas externas”. Coa creación de MFES, comenta, o obxectivo é “sacar a nosa propia idea e, con ese coñecemento que temos, tratar de industrializala, por dicilo así”.


Dos catro membros, Vázquez é o único que non é persoal da Universidade da Coruña, aínda que a súa experiencia noutro proxecto emprendedor autónomo –FIGA CrossFit– foi tamén un factor determinante á hora de que esta iniciativa puidera materializarse. 


“En MFES”, sinala, “temos unha parte dedicada a servizos, coa que podemos asesorar a calquera empresa que teña unha necesidade. Nós propoñémoslle as opcións que pode en base ao coñecemento que temos”. 

Agora mesmo, sen embargo, o proxecto estrela non é un servizo, senón un produto, que, por outra parte, xa está bastante avanzado. “Trátase dun sistema de medida da posición da columna vertebral que xa está patentado e en proceso de proba tanto no Arquitecto Marcide como nun hospital pediátrico dos Estados Unidos”, indica. 


Este dispositivo consiste, sinala Vázquez, “nuns sensores inerciais moi pequeniños –como os que levamos no móbil– que se localizan nas costas e cos que, xunto cun modelo computacional, logramos estimar a posición da columna vertebral”. As aplicacións, precisa, van desde corrixir unha escoliose a avaliar os efectos dunha sesión de fisioterapia. 


O enxeñeiro ferrolán ten claro, ao igual que os seus compañeiros de spin-off, que o proxecto busca “axudar ás persoas”. Nese sentido, asegura que “sempre que buscas facer algo o que intentas é solucionar un problema. É verdade que hai empresas que buscan crear necesidades, pero nós o que queremos é solucionar problemas e intentar axudar á sociedade. Sempre é máis gratificante ter un obxectivo deste tipo”, engade. No caso do dispositivo para a columna, Vázquez remarca que pode ter utilidades en moitos campos, principalmente no sanitario e no deportivo. 

Alejandro Vázquez: “Non queremos crear unha necesidade, senón axudar a resolver un problema”

Te puede interesar