O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou esta mañá nunha comparecencia no hospital Arquitecto Marcide que Galicia, e por ende Ferrol, está á vangarda de todo o territorio nacional no programa de cribado de cancro de próstata, unha iniciativa que “vai en beneficio de todo o mundo” e da que hai que concienciar da súa importancia.
Rueda explicou que este tipo de cancro é o máis común nos homes en Europa, España e Galicia, onde se rexistran arredor de 500 mortes ao ano por esta patoloxía. Así o sinalou durante a presentación do proxecto piloto de prevención de cancro de próstata, na que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Así, incidiu en que Galicia é pioneira en España no programa de cribado de cancro de próstata.
Desde xuño foron enviadas xa as primeiras 3.000 invitacións a participar no cribado e realizáronse as primeiras analíticas.
A partir de mañá, en función do risco detectado, iníciase xa á seguinte fase, que consiste na realización de resonancias magnéticas nos pacientes que deben continuar coas probas.
Este proxecto súmase a todos os programas postos en marcha en Galicia contra a cancro, como a ampliación da poboación diana do cribado de cancro de mama, a extensión a toda Galicia do cribado de colo de útero, o aumento da difusión do cribado do cancro colorrectal, e a posta en marcha do programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña e Cee: “Estamos sendo pioneiros en España nos cribados de cancro, e agora no de próstata”, destacou. Para Rueda, isto supón a evidencia de que en Galicia se prioriza o investimento en saúde pública
“Temos un capital humano e un investimento en infraestruturas e en tecnoloxía da sanidade pública que sempre vai ter que ir a máis, pero da que podemos sentirnos francamente orgullosos”, salientou
Na comparecencia tamén tomou a palabra o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que subliñou que logo de moitos anos tratando casos de cancro de próstata, animaba encarecidamente aos ferroláns, "como médico e como ferrolán", a que se sometan a esta proba rutinaria, que consiste nunha analítica e que pode axudar na prevención desta patoloxía que afecta a un de cada oito galegos e tamén favorece o tratamento da mesma.
Pola súa parte, Carla Abeijón, facultativa especialista en Uroloxía, en representación do xefe de servizo, Andrés Rodríguez, explicou que o programa de cribado é unha cuestión "de vital importancia para a saúde dos homes en Ferrol e en toda Galicia". Así, indicou que "este tipo de cancro é o máis frecuente entre os varóns afectando a 1 de cada 8 homes en Galicia e, aínda que en moitos casos pode ser tratado con éxito, o diagnóstico temperan segue a ser a clave para mellorar a calidade de vida e reducir a mortalidade".
Ata o dagora, dixo, as iniciativas de cribado previas, basadas no marcador PSA (ou antíxeno prostático específico) e a exploración física mediante o tacto rectal "levaban a un sobrediagnóstico e sobretratamento dos cancros de baixo risco, con consecuencias para o doente, deixando escapar algúns cancros de alto risco". Asi subliñou que co "desenvolvemento de novas técnicas diagnósticas coma as resonancias de próstata de alta resolución e as biopsias prostáticas dirixidas á lesión (ou biopsias fusión), o diagnóstico do cancro de próstata pode cambiar radicalmente".
Razóns todas estas polas que a Sociedade Europea de Uroloxía está a desenvolver o devandito programa de cribado do cancro de próstata coa área sanitaria de Ferrol como piloto ou referente para obter estes datos.
Abeijón puxo o foco no "o afortunados que somos e o agradecidos que nos sentimos tanto en Ferrol coma en Galicia por liderar este proxecto que cremos que pode repercutir moi positivamente na detección precoz, prioridade do sistema sanitario público galego".
Como se lembrará, un total de 12.000 homes entre 50 e 69 anos da área sanitaria de Ferrol están sendo convidados a participar mediante a determinación analitica do PSA. Se éste se atopa elevado (maior a 3) serán remitidos á consulta de Uroloxía para a avaliación do risco de cancro tendo en conta outras variables coma o volume prostático e o tacto rectal.
A aqueles pacientes de risco intermedio e alto solicitaráselle unha resonancia de próstata, que nos informará da presenza de áreas sospeitosas de cancro. "Neses pacientes con lesións sospeitosas poderá realizarse unha biopsia prostática dirixida, que aumentará a rendibilidade diagnóstica baseada no risco individual de cada persoa", como explicou a especialista.
Con respecto a acollida do cribado, Abeijón incidiu en que "estamos a detectar un gran interese por parte da poboación, as persoas están informándose de cómo participar e maniféstannos o seu desexo de ser invitados"
Ao igual que fixo o conselleiro, afacultativa aproveitou para "animar a todos eses homes entre 50 a 69 anos a colaborar, xa que o cribado é unha ferramenta de prevención, non de alarma"
A detección precoz do cancro de próstata non só pode salvar vidas, senón que tamén ofrece a oportunidade de acceder a tratamentos menos invasivos con mellores resultados.
A especialista en Uroloxía agradeceu tamén "aos pacientes desta área sanitaria polo seu gran compromiso e implicación, parte imprescindible para que o piloto se poida desenvolver" e tamén fixo o propio cos "profesionais da saúde de Ferrol, tanto á enfermería, auxiliares, administrativos, médicos de atención primaria, radioloxía, anatomía patolóxica e urelaxia o esforzo que están a poñer na realización deste cribado". destacou.