O alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP A Laxe, en Valón, celebrou este venres un pleno infantil co que se aproximaron ao funcionamiento da democracia no ámbito local e chamaron a atención sobre os seus problemas e intereses, que non sempre están recollidos nas sesións ordinarias que celebran os adultos.
Os estudantes seguiron os pasos para a constitución da cámara municipal. Lúa foi a que exerceu como secretaria e nomeou aos concelleiros e concelleiras, que tomaron posesión do cargo garantizando unha boa convivencia coa veciñanza. Prometeron “defender sempre a Ferrol”.
Xa nos seus asentos, votaron para elixir alcalde ou alcaldesa e saiu Marcela, electa por unanimidade. Foi entón cando o tenente de alcalde, Javier Díaz, cedeu o bastón de mando á nova rexedora infantil. Tamén asistiu ao pleno a concelleira de Educación, Patricia Cons. Ademais, o alcalde, José Manuel Rey, despediu aos edís infantís no final da súa expedición e puideron facer unha foto conxunta no balcón da casa consistorial.
Estes plenos especiais por áreas, nos que ata o de agora participaron centros educativos, entidades do terceiro sector e tamén persoas maiores, achegan a institución á cidadanía, que vive en primeira persoa como se debaten e deciden cuestións que afectan a toda cidade. Tamén supón unha oportunidade para que estes colectivos tomen a palabra para facer públicas as súas demandas diante dos responsables municipais.