A IV Xornada de Portas Abertas Presencial, que organiza o Campus Industrial de Ferrol e o Servizo de Estudantes da UDC, terá lugar o martes 25. Os participantes, que deben inscribirse previamente, a través do formulario deste enlace, poderán elixir entre tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría.
O evento, que nas tres primeiras edicións xa concentraron unha media de 500 estudantes de toda Galicia, repartirase en dúas quendas. A mañá, de 9.30 a 13.45 horas, estará reservada para centros educativos e a tarde, de 16.00 a 20.00, dirixirase a un público máis familiar. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, como data límite o luns 17, ás 14.00 horas.
Do mesmo xeito que nos anos anteriores, a ruta de Ciencias da Saúde transitará pola Facultade de Enfermaría e Podoloxía. No caso de escoller o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades, os participantes visitarán a Facultade de Humanidades e Documentación. Desde o curso 2022/2023, o centro acolle, coa colaboración da Universidade de Vigo, o grao en Relacións Internacionais.
Por último, o percorrido de Enxeñaría levará aos participantes até a Escola Universitaria de Deseño Industrial –EUDI– e á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–. Unha das particularidades deste centro é o grao aberto en Enxeñaría Industrial, que permite ao estudantado elixir no segundo curso a carreira á que finalmente se vai dedicar.