O Proxecto Europeo Erasmus+ “Production of Prototypes with STEAM Content in Maker Workshops Against Climate Change (Eco-Maker)”, no que colabora o Campus Industrial, producirá materiais contra o cambio climático coa participación de alumnos con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos.
A iniciativa Eco-Maker pretende combinar o movemento “maker”, coa formación en materias STEAM e os plans de estudo e métodos ecolóxicos. Así pois, os estudantes producirán prototipos como turbinas eólicas ou pequenos paneis solares xunto co profesorado de Primaria e Secundaria que imparte as materias STEAM, é dicir, as de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas.
O currículo do proxecto de innovación de profesorado está elaborado pola UDC, de xeito que persoal docente vinculado á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF– e á de Deseño Industrial –EUDI– xa están traballando, por exemplo, no desenvolvemento de competencias educativas e formativas vinculadas coa sustentabilidade ou na capacitación no sector tecnolóxico.
Neste proxecto coordinado polo Agrupamento de Escolas de Mangualde de Portugal, tamén participan outras institucións, en primeiro lugar, deste país veciño, e tamén de Reino Unido, Italia, Turquía e Polonia. Trátase dun plan cofinanciado pola Comisión Europea cun presuposto total de 250.000 euros, dos que a UDC conta con 39.500 euros.