A ANPA da escola infantil A Galiña Azul de Esteiro convoca hoxe martes, ás 14.00, unha concentración diante do centro para esixir unha solución real á problemática que comunican vivir este curso, aproveitando que este é un dos tres días nos que os titores deben recoller aos pequenos antes do habitual. Tal como resaltan dende a asociación, este é o primeiro ano académico no que se suprimen as dúas horas e media de atención indirecta, co conseguinte menoscabo na calidade dos servizos que ofrecen.
Dende que se axustou, a nivel estatal, a xornada ás 35 horas, todo o horario lectivo é de atención directa “o que implica que non se poida facer un traballo que pon o propio decreto curricular desta etapa”, sinala a presidenta da ANPA, Andrea Martíns Fernández. A representante fala en referencia a tarefas como a planificación pedagóxica, a titorización coas familias, “obradoiros que eran moi enriquecedores” e a atención temperá das posibles necesidades que detecten os profesionais, que xa “non teñen tempo para organizar iso, non sendo fora de horario”.
Co obxectivo de que os cambios non prexudicaran a ningún grupo implicado, o colectivo enviou as súas reclamacións ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. En resposta á totalidade dos centros da rede da Galiña Azul, xa que a ANPA sinala que o problema é común a todas as súas escolas, concretouse a proposta de “durante tres días no curso escolar, entre os que un deles é mañá, temos que recoller antes as nenas e nenos, ás 14.00”, apunta Andrea Martíns.
Esta diminución das horas de servizo nas xornadas que acorde o centro iría acompañado do peche total o día 2 de maio, “para en teoría facer todo ese traballo de planificación, de programación, de atención das necesidades educativas... cando sabemos que a nivel pedagóxico non se sostén”, continúa, “porque unha cousa non dá substiuído á outra”. Ademais, a presidenta da ANPA tamén deu conta do prexuízo que supón para o persoal a medida en caso de que as familias teñan dificultades para conciliar nos días coma o de hoxe: “as educadoras están con esas crianzas, non as van deixar na porta”, lembrando que a escola acolle a pequenos de entre 0 e 3 anos de idade.
Dende a división comarcal da CIG Administracións Públicas comunican o seu apoio á concentración que realizarán hoxe as familias usuarias. Amais disto, queren “denunciar publicamente o abandono e a deixadez que está a efectuar o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar cos seus centros, tanto en escolas infantís como centro de maiores”, concretando deste último o servizo de comidas da residencia de Ortigueira. Poñendo o exemplo da escola infantil de Esteiro, o sindicato concreta como “máis grave” a falta de mantemento das instalacións e medios materiais.