Antonio M. Fraga, escritor eumés: “A protagonista está baseada en Alfreda Noncia Markowska”

Antonio M. Fraga, escritor eumés: “A protagonista está baseada en Alfreda Noncia Markowska”
O autor na presentación do libro, que se celebrou hai pouco máis dun par de semanas na Casa da Cultura de Pontedeume | CEDIDA

“Como escorrentar un lobo” trata a emoción do medo e a maneira de enfrontarse a ela para evitar que chegue a paralizarnos. Con este fin, o texto segue a historia de Noncia, unha muller de etnia xitana que vive na Polonia ocupada polos nazis. Este é o último libro de Antonio M. Fraga, que acaba de presentar en Pontedeume, ilustrado por María Brenn.


A obra, editada por Cuarto de Inverno, encádrase na literatura xuvenil, un campo no que o autor é especialista, aínda que non é o único que practica. Así pois, esta peza diríxese aos lectores a partir de certa idade, que se atopan arredor desa ponte entre a infancia e a adolescencia. Non obstante, tal e como concreta Fraga, “sempre penso na literatura infantil como a que tamén poden ler os nenos”, posto que aínda que se dirixa a un público a partir de certa idade, neste caso os 11 ou 12 anos, non existe ningún límite.


A historia comeza en Polonia no ano 1944, en plena Segunda Guerra Mundial coa súa protagonista, Noncia, que ten un permiso de traballo para traballar no ferrocarril. O punto de partida é que ela a aproveita este posto para rescatar a dous pequenos irmáns xudeus que foran enviados a un campo de concentración, aos que acolle na súa casa. Noncia axuda aos dous nenos a vencer o medo que sinten pola situación que están a vivir, co relato dunha “incrible aventura, con moitos tintes fantásticos, que viviu cando era nova e percorría, os camiños de Europa do leste acompañando ao tabor xitano ao que pertencía”, resume Fraga.

 

Esta narración traslada aos personaxes e ao lector ao corazón do bosque de Białowieża. O autor explica que nese emprazamento, o carro da familia de Noncia “abandona a caravana para perseguir a uns cabalos tarpáns”, que son unha particular especie extinta que habitaba naquel espazo. Desa maneira chegan a “unha  vila secreta agochada no medio do claro dun bosque, que se chama Polana Wilków, que significa claro de lobos”, continúa. Neste lugar, que é o fogar dos Neuri, unha poboación de características moi especiais, “Noncia debe aprender a mirar o medo cara a cara”, relata o escritor.

 

Este artellou a narración seguindo dúas premisas fundamentais. En primeiro lugar, “apetecíame facer unha historia relacionada co folclore eslavo, con ese territorio de Europa do leste e máis con ese tempo determinado do século XX”, apunta Fraga. Asimesmo, “un dos puntos de partida foi o de tratar o medo e as formas de combatelo”, explica. Ademais, o escritor quixo mesturar a realidade coa fantasía “e que esas dúas historias funcionasen como un espello”, xa que moitas das situacións que Noncia relata aos nenos, “teñen moito que ver coa historia persoal deses dous irmáns e do que están vivindo”, argumenta.


O título da obra ten parte de sentido metafórico, xa que “o lobo é esa representación do medo, sobre todo cando estás dentro dun bosque”, explica Antonio M. Fraga. Amais disto, estes cánidos teñen unha estreita relación co pobo dos Neuri, un relato que está “baseado nunha lenda, que atopei no proceso de documentación desta historia, buscando temas relacionados co folclore eslavo”, precisa o autor.

 

Inspiración

Da mesma maneira, “a protagonista está baseada, un pouco de forma libre, nunha persoa que existiu de verdade, que se chamaba Alfreda Noncia Markowska, que era unha muller de etnia xitana que durante a Segunda Guerra Mundial, dedicouse a salvar nenos e nenas dos trens que os levaban cara os campos de exterminio”, comunica Fraga.


Esta figura real na que se inspirou o escritor tamén visitaba os lugares onde se relizaran masacres, na busca de supervivintes aos que axudar. Aos nenos que rescataba, maioritariamente xudeus e xitanos, “despois os agochaba na súa casa e facíalles documentación falsa para poder sacalos do país”, explica o autor. Alfreda Noncia Markowska chegou a salvar arredor de 50 pequenos da morte a mans dos nazis. Cando Antonio M. Fraga atopou as memorias sobre esta muller, da que “non tiña nin idea da súa existencia nin da súa historia, namorei ao momento” desa figura e “quixen aproveitala para a partir dela, construir a miña personaxe”, manifesta.


Tal e como explica o propio autor, a esta heroína en medio da guerra, asasináronlle a toda a súa familia, precisamente “por casualidade, preto do bosque onde transcorre a miña novela”. Noncia Markowska salvouse “porque nese momento estaban acampados nas aforas dunha vila”, á que  ela foi “a ler o futuro na palma das mans”, xa que “tamén traballaba como adiviña”, transmite Fraga.

 

Percorrido

Este autor de orixes eumesas, aínda que afincado na Coruña, comezou a súa traxectoria profesional no campo da enxeñaría. Neste sector estivo traballando en parques eólicos polo estranxeiro, o último en Romanía, até arredor do ano 2009, coincidindo coa situación de crise económica que rematou por levalo ao paro. A partir dese momento, utilizou o tempo libre para desenvolver a súa paixón. Tras estrearse con relatos curtos, aventurouse a escribir o seu primeiro libro coma un reto. A experiencia resultara satisfactoria e publicou a peza no 2013 co título “Xildas”. Nese mesmo ano saíu “O castañeiro de abril”, unha obra pola que recibiu o premio Merlín de Literatura Infantil.


As primeiras creacións dirixíronse cara os máis pequenos e, aínda que tamén editou dúas obras para persoas adultas, foi especializándose no público xuvenil. Tal e como relata Fraga, chegou a esta clase de lectores a raíz da súa primeira obra, para a que decidiu tirar das historias que lle contaba a súa avoa.
Ademais o autor xa era consumidor de literatura infantil e xuvenil, unha afección que continúa na actualidade. “Gústame traballar con ese público, os encontros cos nenos e as charlas resúltanme moi interesantes e vivificadoras”, expresa o escritor.


“Aínda que si que me desvío dese camiño de cando en vez e me apetece facer algo para outro tipo de lectorado, case sempre volvo á literatura infantil porque é a que considero a miña casa literaria”, expón Antonio M. Fraga. Seguindo este sendeiro, o artífice obtivo os galardóns de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno coa obra “O bestiario científico de Anxos Nogueirosa”, que tamén foi merecedor dun recoñecemento na Gala do Libro en Galego, así como o Jules Verne por “Santoamaro”

Antonio M. Fraga, escritor eumés: “A protagonista está baseada en Alfreda Noncia Markowska”

Te puede interesar