Antonio Tizón: “Nada disto sería posible sen a participación de Eugenia Sanmartín”

O proxecto, nacido na programación de Son Radiofusión chega ao seu final coa quinta entrega
Antonio Tizón: “Nada disto sería posible sen a participación de Eugenia Sanmartín”
Tizón e Sanmartín, fotografados por Gosia

O centro cívico de Canido acolle ás 19.30 horas de hoxe a presentación do podcast “Madriña”, a quinta e última entrega da pentaloxía de novelas do escritor Antonio Tizón protagonizadas polo policía Xosé Sánchez Pereiro e publicadas en Xerais. Trátase dun proxecto que forma parte da programación conxunta das emisoras galegas (Son Radiofusión) que xa está en antena. 
Tizón estará acompañado polo grupo de teatro Merlín e familia, nacido tamén no seo de Son Radiofusión, encargado da dramatización desta última obra que dirixe Eugenia Sanmartín. Tizón é o guionista e a banda sonora é labor de Antón Ramos. 


Este quinto podcast é, explicaba onte o autor, “moi especial” por tratarse da última entrega da serie e, tamén, porque “é unha homenaxe á miña avoa, que era analfabeta e que me cantaba coplas de pequeno. Este personaxe de María Dominga interprétao tamén Eugenia Sanmartín”, sinala Tizón, que, insiste, “se non chega a ser pola súa interpretación, sería imposible facer o podcast”. 


Esta entrega que  está a emitir en Radio Fene (107.7 FM) ás 9.00 e 21.00 horas –cada capítulo diario, e son 64, dura arredor de 10 minutos– ten a partitularidade, afirma o escritor de Aranga, de que foi antes o podcast que a novela. “O director de Radio Fene, Henrique Sanfiz”, comenta, “tiña interese en que tivera continuidade e comezala este ano, así que nos puxemos a iso porque a novela non me ía dar tempo a acabala en menos de dous anos”, polo que Tizón considera que “neste caso, o podcast enriquece a novela”. Esta incluirá un código QR co que se poderán escoitar as coplas da avoa –María Dominga Tenreiro, a madriña– que canta Sanmartín.


Do mesmo xeito que nas entregas anteriores, “A madriña” ten moito de Ferrol. É un dos escenarios recorrentes e recolle algúns elementos (inmaterais) recoñecibles, como a Semana de Poesía Salvaxe. “Nela faláranme moito de Carlos Oroza, que se converteu nun emblema do festival. Introducín na obra este personaxe, que acabou adquirindo un protagonismo moi forte”, apunta. 


Tizón non quere deixar de recoñecer, en primeiro lugar, a idea de Sanfiz, que xa en 2015 lle ofrecera iniciar este proxecto baseándose en experiencias que estaban triunfando nos Estados Unidos e, tamén, subliña, a Eugenia Sanmartín, directora de todos os podcast e, polo tanto, dun equipo de medio cento de persoas entre artistas e técnicos. “Sen ela”, repite, “sería imposible facer os podcast, e menos este, porque ademais de dirixir interpreta o personaxe principal. Se non fose actriz e cantante non podería ser”. 

Antonio Tizón: “Nada disto sería posible sen a participación de Eugenia Sanmartín”

Te puede interesar