A Área Sanitaria de Ferrol, pese ao seu tamaño, ten unha dinámica actividade investigadora e innovadora, con máis de 80 proxectos abertos. Son ámbitos incluídos na Unidade de Soporte ao Coñecemento cuxo labor aporta beneficios ao paciente e amplía as posibilidades dos profesionais.
Esta vertente potenciarase nos vindeiros meses co xiro que se lle está a dar ao Nodo de Innovación, a partir da regulación do apoio á investigación que prepara o Sergas. Este Nodo capta sinerxias externas e internas de cara a conseguir iniciativas e proxectos de mellora. Forman parte del profesionais de diversos ámbitos e abrangue as diferentes categorías profesionais. Entre eles figuran Rocío Vílchez, facultativa directora de Procesos de Soporte; Javier Quiles, técnico e subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información; José María Rumbo, enfermeiro e supervisor de Coidados, Investigación e Innovación; e Alberto López, da Unidade Técnica de Ferrol da Fundación Novoa Santos.
Un fito recente foi a sinatura dun protocolo de colaboración en proxectos de innovación e investigación entre a Universidade da Coruña, a Axencia Galega de Innovación (a través do CIS) e o Servizo Galego de Saúde (a través da Área Sanitaria de Ferrol). “As tres institucións contan con diversas temáticas de influencia nas que poden xurdir proxectos das áreas de realidade virtual e aumentada, así como de materiais e impresión 3D”, explica Rocío Vílchez.
Xa están definidas áreas concretas de traballo, coma as aplicacións de modelado 3D sobre imaxe médica, inicialmente no ámbito da docencia e investigación; para instalacións e mantemento; ou, xunto con outras translacións no ámbito clínico, de desenvolvemento e aplicacións de biomecánica, xa en contacto con Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Esta semana celebrarase a primeira das accións formativas, cunha actividade sobre impresión 3D.
Ao tempo, préstaselle especial atención, subliña José María Rumbo, a que os profesionais estean ao tanto destas opcións a través dos recursos internos.
Outra clave é a Fundación Profesor Novoa Santos, que actúa nas áreas sanitarias ferrolá e coruñesa. “Entre outras moitas fai labores de divulgación científica, promove convocatorias e xestiona as axudas económicas para o desenvolvemento dos proxectos”, apunta Alberto López.
Estes proxectos que se levan adiante na Área abranguen tanto estudos clínicos independentes como os relacionados con outras institucións ou a industria; do propio centro e en colaboración con outros; e tanto experimentais como observacionais e ensaios clínicos. Son moitas as especialidades implicadas. As temáticas céntranse en Enfermidade Inflamatoria Intestinal (colite ulcerosa e Crohn), a diabetes, a obesidade, a hipertensión, a enfermidade renal crónica, a insuficiencia cardíaca, fibrilación auricular, carcinomas, diversos tumores ou retinopatías. “O incremento da actividade investigadora e innovadora na nosa Área nos últimos anos é considerable”, di López.
Sen esquecer a implicación da Área, co Sergas e a Consellería de Sanidade, na compra pública innovadora. “De aí, xurdiron proxectos útiles como o portal É-saúde ou o sistema de teleseguemento, TELEA. Outros son financiados dende entidades estatais como o Tartaglia que, cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros, se está a desenvolver nesta Área, aplicando a Intelixencia Artificial á imaxe de Oftalmoloxía e Anatomía Patolóxica ou ao conxunto de datos de cancro de próstata, por exemplo”, explica Javier Quiles.
Que diferencia a investigación da innovación?
Podemos dicir que a investigación é investir cartos e recursos para xerar coñecemento; e a innovación é a aplicación dese coñecemento para obter resultados. Trasladar o coñecemento á xeración de valor, mediante aplicacións e melloras nos procesos sanitarios, de forma que sexan útiles para os nosos pacientes, que é o fundamental. Innovación fíxose sempre, o que queremos é potenciar eses procesos.
Que é a innovación e en que se traduce na realidade asistencial?
Abre camiño para resolver posibles problemas dos pacientes e dos profesionais e permite buscar solución a necesidades que non están resoltas. Por outra banda, ten un compoñente de dinamización da industria; e abre camiño presentando retos ás tecnoloxías para acadar esas solucións. E, ademais, supón un xeito de traballar que resulta motivador aos profesionais.
E como se concretan e coordinan todas esas inquedanzas?
Pois mediante a creación da Unidade de Coñecemento, a USCO, por exemplo. Esta nova unidade dá conta da necesidade de aglutinar e sistematizar a tódolos ámbitos implicados, para pór en valor os proxectos e facelos máis produtivos. Cun emprazamento físico conxunto e con persoas dedicadas a isto nos distintos colectivos profesionais. A innovación está na parte clínica e asistencial, pero están tamén na ecuación outras unidades e entidades que poden aportar as tecnoloxías ou recursos necesarios. E resulta fundamental ter un departamento que faga de nexo, proporcione apoio a tódalas partes e poida asegurar que se acadan os resultados esperados. Froito desta actividade, na área lévanse feitas dúas edicións das Xornadas de Innovación nas que ademais de incorporar a visión de expertos de fóra, preséntanse proxectos que se están a levar a cabo en Ferrol; e, no ano 2024, seremos sede dos premios de Innovación a nivel galego, que organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.
E o paciente da Área, como se beneficia?
O mellor é concretar os proxectos para responder a isto. Ferrol participa activamente mellorando o diagnóstico mediante técnicas de Intelixencia Artificial en patoloxías como a retinopatía diabética e o cancro de próstata, co proxecto Tartaglia. Oftalmoloxía desenvolve o proxecto Nazzar, un sistema de información para a xestión da unidade de terapia intravítrea coa que conta a Área. Cardioloxía con SCA: Vixía e Actúa, proxecto de mellora do circuíto asistencial tras unha síndrome coronaria aguda, no que os profesionais de Atención Primaria e de Enfermaría teñen un papel fundamental. Na unidade de Diálise, liderado polo persoal de enfermería atopamos a creación dun espazo dixital con recursos formativos/educativos baseados na ludificación nos que se tratan temas como a dieta, o exercicio físico e o tratamento farmacolóxico, empregadas in situ durante as sesións de diálise, facendo estas máis levadeiras. En Oftalmoloxía, están a traballar en achegar a atención oftalmolóxica mediante telemedicina e dispositivos portátiles aos centros sociosanitarios, o que permite evitar desprazamentos aos pacientes máis maiores e vulnerables, xa que os cribados de enfermidades clave como a retinopatía diabética, hipertensiva ou o glaucoma controlado levaranse a cabo sen que saian do centro.