A Área Sanitaria incrementou un 45% as cirurxías robóticas

A Área Sanitaria incrementou un 45% as cirurxías robóticas
Una de las cirugías practicada en el Marcide |Cedida

A Área Sanitaria de Ferrol incrementou nun 45% a cirurxía robótica nun só ano grazas ó traballo dos profesionais, que xa son 17 os acreditados para facer estas cirurxías, e que están a se formar de continuo

 

Así, no pasado ano 2024, realizáronse un total de 477 intervencións con esta modalidade cirúrxica, e, no ano inmediatamente anterior 2023, foron un total de 328 cirurxías. Destacábase isto esta semana nunha xuntanza interna para valorar esta actividade cos profesionais das especialidades implicadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. 

 

A Área Sanitaria de Ferrol comezaba facer cirurxía robótica en xullo de 2021, coa especialidade de Uroloxía. Engádense as especialidades de Xinecoloxía e Cirurxía Xeral, en novembro do mesmo ano 2021. E, en xuño de 2022, sumábase á cirurxía robótica a especialidade de Otorrinolaringoloxía. 

 

 

 

Nese ano de inicio 2021, facíanse 93 cirurxías, e no segundo ano 248, co que xa se ve a evolución ascendente neses primeiros catro anos destas cirurxías de maior precisión e menor dor e estadía postoperatoria

 

 

 

Máis de 1.147 cirurxías en catro anos

 

Suman así un total de 1.147 cirurxías con esta modalidade na Área Sanitaria de Ferrol neses catro primeiros anos do total das máis de 9.500 realizadas en Galicia dende o inicio, o que reflicte a grande actividade nesta Área aínda sendo de tamaño mediano. 

 

Estas cifras e o desenvolvemento constante e equilibrado ó que se referían esta mañá foi posible porque o Consello da Xunta de Galicia aprobaba, en maio de 2021, a adquisición de 7 equipos Da Vinci para as sete áreas sanitarias cun investimento de 20,5 millóns de euros. Precisamente esta modalidade de proceder destacábase na xuntanza desta semana con implicados na cirurxía robótica, “como un exemplo a nivel nacional, nacendo de xeito igual en todas as áreas, e con bos resultados en volume e calidade”. 

 

 

Máxima precisión en beneficio do paciente 

 

En termos xerais, o robot Da Vinci aumenta a mellora da destreza do cirurxián, ofrecendo unha ampla e nítida visión do campo operatorio, permitíndolle facer xiros e manipulacións imposibles de realizar sen este sistema. Todo isto axuda a acadar a máxima precisión por parte do profesional, evitando ademais a perda de sangue e reducindo, por tanto, a necesidade de  transfusións nos pacientes. 

 

 

 

Entre outra das grandes vantaxes desta cirurxía figura a redución da dor e da estadía postoperatoria. En concreto, por pór un exemplo, no caso das prostatectomías (extracción da próstata), que son as cirurxías maioritarias e as primeiras intervencións en facerse na Área Sanitaria ferrolá, a maior precisión das intervencións apoiadas en cirurxía robótica reduce notablemente as posibilidades de que os pacientes sufran de impotencia ou de incontinencia urinaria, como consecuencia da intervención. 

 

Dentro das especialidades, as intervencións máis habituais son a prostatectomía radical por cancro de próstata e nefrectomía parcial por cancro de ril, no caso da Uroloxía. Hernias e cancro de colon, no caso de Cirurxía xeral. Histerectomías por cancro (extracción do útero), no caso da Xinecoloxía. E, por último, cancros no eido da Otorrinolaringoloxía.

A Área Sanitaria incrementou un 45% as cirurxías robóticas

Te puede interesar