Hai menos dun mes a galería Sarao trasladouse desde a considerada tradicionalmente mellor vía comercial da cidade, a rúa Real, para ocupar un magnífico espazo no barrio de Catabois. Con esta decidida e arriscada decisión reforza aínda máis algunhas das mellores virtudes que acompañan o proxecto. Faino ademais coa ilusión que require adicarse no noso tempo á cultura de maneira profesional.
Este entusiasmo vén acompañado do coñecemento de que hoxe en día estes escasos “oasis” expositivos non poden manter unha actitude pasiva, senón que teñen que acompañarse dun programa de actividades que incentive a un público que afortunadamente demanda unha posición máis participativa no que é a creación plástica. A arte é do seu tempo e nos nosos días a cultura ou o lecer veñen marcados polo dinamismo e a inter-actuación. Non é algo novo e, de feito, xa as vangardas históricas buscaban espectadores activos, persoas que adoptaban un rol moito máis protagonista pero esta predisposición multiplícase neste momento de bricolaxe e videoxogos.
A posta de longo foi toda unha declaración de intencións. Diversos obradoiros de variadas disciplinas acompañaron a xornada de presentación da sala e a súa exposición. É este tamén un acerto claro. A arte está tratando de rachar as fronteiras que parecen situala nun marco case divino mais dalgunha maneira alleo ás nosas necesidades vitais. Arte é vida e todo o que non xurda así nace morto. Nesta cidade nosa onde tantas veces eventos destas características se converten nun mero protocolo social é reconfortante atopar tanta xente gozando e participando de diversas actividades complementarias e que nos ofrecen unha boa fotografía de como se entende hoxe o consumo do noso tempo de ocio e o goce da cultura.
Sempre escoitei en Ferrol presumir de ser unha cidade de pintores. E a verdade é que é ampla a nómina de artistas de nivel que ao longo da historia xurdiron na nosa comarca, mais non menos certo é sinalar que isto é unha realidade a medias. Tradicionalmente un certo illamento, mesmo dentro de Galicia, imposto o simplemente autocompracente, deu lugar a un coñecemento cativo e desde logo inxusto fóra das nosas fronteiras de boa parte da nómina que podemos ter na mente. Atopámonos aquí con outro logro desta galería desde os sus comezos. A ambición de pór en contexto aos nosos novos creadores locais cos máis destacados artistas da súa xeración, xa non só do Estado, senón mesmo de fóra de España.
Este é un labor necesario e que dá sentido ao seu traballo. Os artistas crecen por confrontación, na compaña dos seus compañeiros, aprendendo e intercambiando logros e expectativas. Entendendo que non están sós e que fóra percorren os mesmos camiños e manteñen os mesmos intereses. Sarao, ademais, en tan pouco tempo de vida xa acode a feiras e encontros de carácter internacional, axudando polo tanto á promoción de novos talentos, ofrecendo mercados máis amplos e posibilidades que durante moito tempo eran impensables por aquí.
A exposición actual ben merece o seu propio artigo, así que me limitarei a sinalar que “Almacenamiento casi lleno” ofrece un altísimo nivel, sorprendente mesmo pola idade de moitos dos protagonistas. A vida cotiá convértese en modelo da obra. Lonxe de calquera costumismo folclórico, estas vivencias recollen o día a día real dos pintores tanto nos seus momentos máis brillantes como nos instantes de aburrimento ou morriña. Todo iso resolto nuns cadros figurativos ou realistas dunha factura plástica realmente fermosa.
Toca rematar, pero quero sinalar dúas cuestións: unha referida directamente a este artigo e outra máis xeral. En primeiro lugar, dar os parabéns e desexar toda a sorte e a mesma enerxía no futuro aos promotores de Sarao. Son xente xa imprescindible na cidade. E, finalmente, explicitar que o escándalo é unha boa forma de comunicarse con esta sociedade, e se un artigo de opinión sobre arte serve para xerar polémica non é só positivo, senón que semella algo próximo a un milagre.