Os recortes no ensino público son a causa que alegan as distintas Anpas de centros educativos polas protestas que veñen de-senvolvendo nos colexios e institutos, algunhas dende comezo de curso. Esta tamén é a causa que motivou onte a convocatoria dunha rolda de prensa da federación comarcal destas asociacións de nais e pais, en colaboración coa CIG Ensino, coa fin de dar conta das consecuencias que observan tanto para o alumnado coma o profesorado.
O primeiro punto que xustificou o comunicado referiuse á mobilización convocada este sábado na capital galega, que “aínda que esta é en Santiago de Compostela e a nivel nacional, tamén nos afecta na realidade que estamos a vivir a nivel educativo na comarca, xa que estes recortes de persoal tamén chegaron aos nosos colexios e institutos”, sinalou Andrea Martíns, responsable desta área da CIG Ensino.
Neste aspecto tamén incidiu a outra voz da sesión informativa, Xosé Paz, da Federación de Anpas de Centros Públicos –Feanpas– de Ferrolterra , que coincide coa anterior entidade en non ter asinado un convenio clave o ano pasado. Este acordo entre sindicatos e a Xunta “baixou de 25 a 23 horas lectivas, neste caso, en infantil e primaria”, segundo relatou Martíns.
Esta responsable comarcal concluíu que debido á menor dispoñibilidade de persoal docente, existe unha gran parte de profesorado que realiza por conta propia esas dúas horas restantes. Trátase dunha eiva a nivel laboral que, tanto a CIG como a Feanpas, reclaman remediar xunto coa recuperación das condicións que se dispoñían con anterioridade, xa que, segundo Martíns, o obxectivo sería “volver ás 18 e 21 horas lectivas e ademais a baixada de ratios”.
Do mesmo xeito, na rolda de prensa fíxose fincapé en que a falla de persoal docente recae, sobre todo, nas prazas fixas dos centros. Polo tanto, os programas Proa e Mega “que non son plans estruturais e eses profesores van voltar ao paro”, advertiu Paz, foron cualificados por Martíns como “parches” da Xunta, porque ademais “supoñen custe cero para a Consellería, porque son fondos tanto europeos como do Ministerio de Educación”.
Pola necesidade de prazas estruturais que se concretou no acto, a responsable comarcal da CIG Ensino tamén referiu as “dificultades para configurar os horarios dos centros e tamén que o profesorado que chega teña que dar afíns coas que non contaba”. Así pois, tamén notificou a pertinencia de persoal de apoio, sinalando casos de institutos “nos que so hai unha persoa para facer gardas en determinados horarios”, nos que a responsabilidade da atención do alumnado residiría na dispoñibilidade ou non dun único profesional.
“Nos IES, o gran problema para nós é a xestión dos cupos”, manifestou o representante de Feanpas, quen explicou que este non pode ser o único criterio de valoración das necesidades de cada centro, que xa realizan un plan concreto en xuño. Sobre os CEIP, Xosé Paz apuntou que “son os profesores de apoio e outros que se están xubilando, e os que entran son de programas que non son estruturais e que van a faltar o ano que vén ou ao seguinte”, o que suporía, segundo continuou, unha baixada da calidade educativa e da atención do alumnado.
Algúns dos colexios e institutos que exemplificou Paz, por convocar manifestacións polos motivos anteriores, foron o Ferrol Vello, Os Casais, Atios, Pontedeume, Isaac Peral, Carvalho Calero, Ledicia, Canido ou Sofía Casanova. Entre eles, o representante destacou o primeiro por remontarse ao comezo de curso, cando xa a “baixada por culpa do cupo de dous profesores, ao ser un centro pequeno e ter só 20, ao pasar a 18 baixa un 10% no número de profesores estruturais”.