As cantareiras, custodios da tradición, centran o festival do Toxos e Froles

O encontro contou coas actuacións musicais das agrupacións de Gradaílle e de Xacarandaina
As cantareiras, custodios da tradición, centran o festival do Toxos e Froles
A percusión de instrumentos como as pandeiretas ou a lata de pementón acompaña as melodías | JORGE MEIS

As cantareiras foron onte as protagonistas do “Festival 110 anos cantando”, un acto conmemorativo da data na que se asinaron os estatutos do Toxos e Froles. O acontecemento foi dobremente especial ao celebrar a homenaxe das Letras Galegas de 2025 á poesía popular oral, polo que na sesión tamén participou o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, quen valorou da escolla que “non é unha literatura de grandes nomes impresos pero si que merecen ser lembrados”.


A boa acollida do público, integrado por apaixonados da cultura tradicional galega e autoridades que se congregaron no centro social da rúa Magdalena, dá conta do tesouro patrimonial que supón para a cidade e para Galicia a conservación dunha entidade cultural coma esta. As cantareiras de Gradaílle, unha das formacións do Toxos, e de Xacarandaina, seo do primeiro grupo de pandereteiras galego, actuaron intercaladas, dando sentido completo ao festival.


O encontro foi inuagurado por Pipo Arribe, que foi dando paso ás distintas intervencións, comezando pola do presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas, que non desaproveitou a ocasión, amais de realizar os oportunos agradecementos ás persoas que formaron parte desta historia, para dirixirse ao convidado. “Anote, señor Freixanes, é de xustiza que o día das Letras Galegas 2026 sexa adicado a Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida”, reivindicou sobre estes fundadores da entidade e impulsores das Irmandades, que ademais “son dúas figuras imprescindíbeis para comprender a cultura galega dos primeiros anos do século XX”. 


Natividade González, deputada provincial de Cultura, continou a parte discursiva destacando que a asociación “soubo superar retos, adaptarse ás mudanzas e aos tempos, e sobre todo permanecer fiel ao seu compromiso”. Tamén tiveron representación na cita os gobernos municipal e autonómico a través do alcalde e a delegada territorial, respectivamente, José Manuel Rey Varela e Martina Aneiros. Ademais de valorar o labor pasado, presente e futuro do Toxos, o rexedor agasallou á entidade co libro de Guillermo Llorca “Memoria histórica do Ferrol de entre o mar e as murallas”.


Letras Galegas 

A participación de Víctor Freixanes, que tal como lembrou Arribe, amais de presidente da RAG é un recoñecido escritor, xornalista e editor, argumentou a decisión de dedicar as Letras deste ano ás cantareiras partindo dos recordos persoais dun “neno da cidade que descubriu o mundo, a música da lingua galega, a través das cancións de despois de comer”.


Tamén explicou que a homenaxe veu tras un “debate moi consciente” e pensando nas xeracións vindeiras, que grazas a precursoras como Xacarandaina ou posteriormente Mercedes Peón, abriron camiño a propostas recentes como as Tanxugueiras, cuxo éxito manifesta esa “nova maneira de ler e interpretar a tradición por parte da xente nova, as nosas fillas e fillos”. 

As cantareiras, custodios da tradición, centran o festival do Toxos e Froles

Te puede interesar