As propostas das Letras Galegas continúan no Torrente Ballester

As propostas das Letras Galegas continúan no Torrente Ballester
Un dos obxectivos da Gala das Letras é o fomento do tecido cultural local | JORGE MEIS

O programa do Concello de Ferrol con motivo das Letras Galegas deste ano, dedicadas a Luísa Villalta, prolóngase nesta semana posterior á do 17 de maio. A xornada final terá lugar este xoves, facendo protagonistas ás tres integrantes do proxecto Indóciles.


Pero onte a protagonista foi a batuta de David Sanmartín, que  dirixiu a banda sinfónica que se creou expresamente para o conxunto de galas deste tipo que conduce o músico ferrolán. Esta agrupación está composta por preto de medio centenar de músicos profesionais e superiores, pertencentes á zona de Ferrolterra, e onte amosou no auditorio o seu saber facer.

 

A sesión contou coas actuacións do Coro Toxos e Froles, o Tradicoro Airiños de Fene e a Coral Alecrín de Brión. Ademais destas voces, tamén resoaron as dos solistas Gabriel Alonso Díaz, barítono, e Clara Jelihovschi Panas.


Este martes ás 19.00 horas, a escritora Yolanda Castaño, que o ano pasado obtivo o Premio Nacional de Poesía, recitará no Torrente Ballester algunhas obras da homenaxeada e tamén propias. Aínda que son de distintas xeracións, a relatora coñece a fondo a obra de Villalta e ambas coincidiron no mesmo movemento literario.
 

As encargadas da clausura dos actos polas Letras Galegas de Ferrol son Mónica de Nut, Vero Rilo e Nuria Vil, que se agrupan no proxecto multidisciplinar Indóciles. A súa proposta achega ao público o legado provocador e rebelde de Luísa Villalta este xoves, ás 19.00 horas, tamén no Torrente Ballester . 

As propostas das Letras Galegas continúan no Torrente Ballester

Te puede interesar