As Xornadas da Gaita Antón Varela “Tonecho” celebran a historia da Banda de Ortigueira

O programa tamén inclúe a exhibición de varias pezas con gaitas antigas que restaurou o homenaxeado
As Xornadas da Gaita Antón Varela “Tonecho” celebran a historia da Banda de Ortigueira
A Escola de Gaitas de Ortigueira no Festival do Mundo Celta este ano | EMILIO CORTIZAS

Este ano cúmprese a XXX edición das Xornadas da Gaita Antón Varela “Tonecho”, que terán lugar este mesmo venres, a partir das 20.00 horas, no Ateneo Ferrolán. Como vén sendo habitual, a proposta combinará unha parte divulgativa arredor deste instrumento tradicional cunha actuación musical, que nesta ocasión corresponderá á banda de Ortigueira, co que tamén se conmemora o seu 50 aniversario.


O encontro dedícase dende fai sete anos á memoria do gaiteiro e luthier Antón Varela, coñecido como “Tonecho”, que tiña o seu propio taller en Ferrol Vello. “Era un dos máximos colaboradores”, explicou Marcos García, que traballa na organización do evento e está á fronte do obradoiro que leva o seu nome na rúa Magdalena, ademais de ter sido discípulo do homenaxeado no mundo da construcción de instrumentos.


As xornadas constitúen o único foro da gaita en Ferrol, polo que teñen o obxectivo de divulgar temas que adoitan ser menos coñecidos, como poden ser innovacións, estudos ou libros centrados neste instrumento. En definitiva, trátase de “mostrala en todos os seus sentidos ao público”, segundo resumiu García.

 

Cartel

O programa inclúe a intervención Pablo Argüeso, que ofrecerá ao público varias pezas interpretadas con gaitas antigas que restaurou Antón Varela. Este protagonista, aínda que posteriormente tamén recibiu clases de Marcos García, fora alumno de Manuel García Pereira, coñecido como “Lolete”.


A outra parte do evento corresponde á actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira, que foi convidada coincidindo cos 50 anos de traxectoria que cumprirá no ano 2025 que está por chegar, e sendo a agrupación máis antiga de Galicia. Aínda que a banda, dirixida por Rodrigo López, conta cunha trintena de compoñentes, o aforo do Ateneo Ferrolán obriga a enviar unha pequena representación formada por oito músicos. As xornadas dedícanse este ano exclusivamente ao instrumento protagonista, aínda que noutras ocasións tamén soaron outros como zanfonas ou gaitas que non eran galegas, como asturianas, escocesas ou baleares. 

As Xornadas da Gaita Antón Varela “Tonecho” celebran a historia da Banda de Ortigueira

Te puede interesar