Cun recital multidisciplinar da escritora, xornalista e guionista eumesa Eva Veiga e o grupo Ouriol, pechouse no Coliseo a primeira e exitosa edición de Vila do Libro en Pontedeume, unha iniciativa que, segundo anunciou onte un dos seus promotores, Enric Bono, antes de presentar o diálogo entre o deseñador Pepe Barro e o historiador da arte Carlos Bernández, terá continuidade o ano que vén por estas memas datas, en concreto do 22 ao 24.
“Estamos moi contentos. Eramos conscientes de que se xerara moita expectativa, descoñecíase moito o que era o formato Vila do Libro –que conta cunha xa considerable tradición de 16 anos en Catalunya– e creo que sorprendimos bastante ao público, ata o punto de que houbo moita xente na práctica totalidade das actividades”, resumiu Bono.
A recuperación de tendas que levaban anos pechadas para reconvertelas estes días en librarías efémeras ao servizo das diferentes editoriais participantes é outro dos puntos que destacou o dinamizador catalán. “Viu moita xente de fóra de Pontedeume, e iso é unha gran noticia”, subliñou Bono, “así como o nivel de vendas que nos trasladan as editoras”.
Enric Bono: “Esta vila ten os ingredientes ideais para sorprender ao público visitante"
Aínda que houbo previamente certas dúbidas sobre a data en que se debía celebrar, desde a organización considérase un “acerto” e, de feito, a segunda edición terá lugar o ano que vén por estas mesmas datas.
“Deixámonos aconsellar por persoas que coñecen ben o territorio e miramos cal era o sitio ideal para que isto encaixara, e a verdade é que nos falaron de Pontedeume”, explica Bono sobre a elección da vila dos Andrade para introducir en Galicia o modelo Vila do Libro. “Pareceunos fantástico, coñecimos o seu alcalde en 2018 e o proxecto entusiasmoulle”, lembra antes de explicar que o primeiro concello de Cataunya en que se celebrou era parte do Camiño de Santiago. Aí atoparon o nexo. “Inspirounos moito esa ligazón”, remarcou Bono.
O promotor suma outros puntos a favor: “Vimos que tiña un programa cultural interesante, persoas con traxectorias e pegadas moi importantes neste eido e a predisposición do equipo de goberno. Chamoume moito a atención na primeira visita ver un pobo con tantos locais do centro pechados. Pontedeume tiña os ingredientes ideais para sorprender. Tocamos a vea sensible da xente da zona que valora a cultura e o seu pobo”.
A pandemia adiou a posta en marcha dunha cita que se formula xa a medio prazo e que mira cara a outros horizontes. “Vai haber unha segunda edición en Pontedeume e esperemos que as haxa noutros territorios que, seguindo a idea que lanzamos aquí, que é crear esta ruta dos Camiños do Libro –camiños que poden ser o de Santiago ou calquera outro que una persoas, territorios, cultura, etc–, nos permitan ir despregando esta rede para celebrar os seus festivais anuais”.