Ao coincidir co vixésimo aniversario do falecemento da homenaxeada o Día das Letras Galegas deste 2024, Luísa Villalta, a Federación Galiza Cultura organizou en diversas cidades o acto “Inaugurar o tempo da xustiza. Celebrando a Luísa Villalta” que xa pasou por A Coruña e que onte recalou no Torrente Ballester de Ferrol.
Foi unha gala que mesturou música e poesía, presentada por Xosé Manuel Carril, e que contou cun recital de versos da homenaxeada a cargo de Marica Campo e Xulio López Valcarce.
A charla de Pilar García Negro sobre a autora, co título de “Luísa Villalta. Eu renazo galega” puxo fin á parte poética e narrativa antes de deixar paso á música, que correu a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, cunha completa selección de pezas musicais para obras de Luísa Villalta.
A música tamén encheu o teatro municipal Jofre, neste caso cun concerto de alumnos e alumnas do conservatorio Xan Viaño, que xa ven sendo habitual nestas datas. O evento incluiu interpretacións do alumnado do centro.
Tamén a poesía da man doutra autora como é Yolanda Castaño chegou onte a San Sadurniño, no primeiro dos actos dos que o Concello ten programado para as Letras Galegas.
Yolanda Castaño fixo unha semblanza da homenaxeada encadrándoa nesa “eclosión de nomes femininos” que se produciu nas letras a finais do século pasado, momento no que Castaño empezaba e Villalta xa estaba consagrada como poeta, ensaísta e intérprete musical.
“Era unha muller polifacética. Aínda que tiña unha vertente moi intelectual, moi racional e moi rigorosa, sentía unha paixón creativa expresada a través da linguaxe musical e outras veces do código poético, non podía refrear ese impulso creativo e dáballe saída da maneira máis excelente”, comentou na súa intervención Castaño.
Hoxe será o turno do Mago Teto “A maxia das nosas letras” (Casa da Cultura, 18:30h, entrada gratuita).
As actividades programadas polo Concello comezarán hoxe. A Biblioteca municipal levará aos centros escolares públicos da cidade a iniciativa “E se o día das Letras Galegas recibiras unha visita inesperada?”. Trátase dunha acción cultural na que a idiosincrasia de Ferrol, a Biblioteca municipal e tres escritores galegos –Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Luísa Villalta–, enredaranse nunha misión da que só sairán airosos dela da man dos nenos e nenas de Ferrol. Pola tarde, a Biblioteca acollerá ás 19:00 horas a presentación do libro Cinza, na que estará presente o seu autor, Manel Cráneo, e tamén o escritor Xavier Alcalá, autor de “A Nosa cinza”.
A zona rural de Ferrol acolle tamén o día das Letras Galegas, venres, unha homenaxe a Luísa Villalta na xornada de tarde, Haberá unha actuación da rondalla de mulleres “Santa Uxía de Mandiá” (17.20 h.), lecturas de semblanza de Villalta (17.40 h. e 18.20 h.), actuación do Real Coro Toxos e Froles (18.00 h. ), actuación da rondalla Club de Campo (18.35 h. ) e peche co Real Coro Toxos e Froles,