Ás 20.30 horas de mañá sábado principia no Jofre a representación de “Mangoreté”, a comedia musical escrita polas actrices ferrolás Bea García e Desiré Pillado, que volven a casa cunha peza que, a través da carga reivindicativa, convida á reflexión. As entradas custan cinco euros.
Que é “Mangoreté”?
É un espectáculo de comedia musical. Somos dúas actrices en escena cunha banda de 18 musicazos detrás. A comedia aborda moitas das problemáticas que temos hoxe, desde a manipulación dos medios ao gran poder que teñen as multinacionais, as adicións ou o machismo... Pomos enriba da mesa todo iso que vén herdado desde hai moitos anos e facémolo a través da comedia áceda e da sátira, intentando que a xente ría un pouco.
As dúas protagonistas proceden doutro planeta.
Dúas mulleres vidas doutro planeta para convencer á xente de que viaxe con nós a Mangoreté porque é o mellor sitio para vivir. Que pasa? Que aquilo é un reflexo do que pasa aquí, pero moi ben vendido, a través dunha estética dos anos 50, con esa propaganda que se facía daquela, aínda que, claro, detrás de toda esa propaganda hai un chisco da nosa liberdade truncada. Estas dúas mulleres venden unha cousa que non é exactamente como se presenta.
A música en vivo con tal cantidade de músicos é unha aposta arriscada. Desde que concibiron a obra querían que fora así?
Para nada. Todo foi xurdindo dun xeito marabilloso. A peza escribímola hai oito anos e estaba concibida para pequenos locais, pequenas salas ou garitos. Daquela eramos nós as dúas e iamos con música enlatada. Así fixemos de 2016 a 2018. Eu canto nunha “big band” na Coruña, na Garufa Blue Devils, e o director, Roberto Somoza, viu o espectáculo e propúxonos facelo con música en directo. El encargouse dos arranxos e naquel 2018 estreámola nese formato. Foi un regalo, pero tamén a última vez que o fixemos: Desiré marchou a Santiago, eu quedei en Ferrol e polas ocupacións de cada unha o texto quedou no caixón... Ata que o ano pasado decidimos retomalo como o deixaramos, con música en directo. Pensamos dunha maneira ambiciosa e tivemos a oportunidade, por mediación da nosa produtora, de contar coa banda do obradoiro de música moderna Carlos Barruso da Estrada. Reestreamos alí en abril e agora xurdiunos a oportunidade de vir ao Jofre.
Como actrices ferrolás que somos, traer esta peza escrita por nós e con estas características ao Jofre é un regalazo
Traelo a Ferrol, ao Jofre, será algo especial para vostedes.
Para nós é todo un regalazo porque o Jofre xa é un sitio superespecial e, como ferrolás que somos, vir a este teatro cun espectáculo escrito por nós, cunhas características das que estamos superorgullosas, é algo moi grande. Estamos moi emocionadas e agradecidas.
Nesa paréntese retocaron moito o texto?
Antes de revisalo, pensabamos que teriamos que cambiar máis do que finalmente cambiamos porque, por desgraza, seguimos a estar case no mesmo punto. Actualizamos algún “sketch”, metimos catro pinceladas que hoxe están máis en voga, como a intelixencia artificial, e algo deproxección audiovisual.
Facendo humor, cre que debe haber límites?
Este espectáculo foi concibido con poucos límites: pomos en escena elementos para facer pensar porque desa maneira é como se removen as conciencias. Cando reivindicas, os límites non teñen moito sentido, pero sempre desde a elegancia e coidando a estética da comedia. Para nada queriamos que fose algo soez, pois non é o noso estilo. Pódense dicir moitas cousas sen resultar ofensivas.
Como é o traballo con Desiré?
A Desiré coñecina na escola de teatro de Narón, fixemos xuntas todo o percorrido alí e para min foi un descubrimento no persoal porque somos amigas desde o primeiro día e, ademais, sempre nos entendimos moi ben en escena. Concordamos na maneira de plantexar os nosos traballos, nos puntos de vista e por iso é moi doado traballar con ela. É unha amiga. l