A Área Sanitaria de Ferrol daba esta mañá a benvida oficial ós 37 novos profesionais que farán a súa formación residente na Área Sanitaria de Ferrol, e que xa están activos nos centros de saúde e hospitalarios dende inicio deste mes de maio. Profesionais da Área despedían tamén ós 12 que se estiveron a formar nesta Área, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. No acto estiveron a xerente da Área, Fernanda López Crecente; a directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez Simó; o presidente da Comisión de Docencia, Ramón López de los Reyes; e a presidenta da Comisión de Docencia Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria, Tamara López Cela.
Fernanda López Crecente, enfatizou o agradecemento no que coincidiron todos: grazas ós titores e colaboradores, ós residentes por escoller Ferrol, e ós e as profesionais da Área por axudar na formación. Dixo, “vindes a un sitio excepcional”, e remarcou a importancia de “traballar en equipo, con outros servizos, con tódalas categorías profesionais. Sós non facemos nada”. Rocío Vílchez, deulles a benvida “á nosa pequena gran familia”, e afirmou que “estamos orgullosos de contar cun gran equipo de profesionais, comprometidos coa excelencia”, e “nunca esquezades que detrás de cada caso clínico hai unha persoa coas súas necesidades, medos e esperanzas”.
Pola súa banda, Tamara López subliñou o labor dos titores e colaboradores “sodes os que sostedes todo”, e lembrou a todos a importancia de “pór o foco no paciente, en ser respectuosos con eles e cos que vos rodean, sanitarios e non sanitarios”. Por último, Ramón López, remarcoulles que é fermoso “poder ensinar ós demais o que sabemos; e fusionar a sanidade e a docencia, dous piares da sociedade. Temos que seguir a formarnos sempre. Isto é un continuo”. No acto, entregáronse detalles de benvida e agasallos de despedida; e houbo vídeos e intervención musical por parte dun dos residentes recentemente chegados.
A Área Sanitaria de Ferrol conta con acreditación docente dende o ano 1978, e, coa de Oncoloxía que se acreditou este ano (os residentes poderán escollela o ano que vén), xa son xa un total de 26 as especialidades acreditadas na actualidade: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, Endocrinoloxía, e Pneumoloxía que se acreditaban o pasado ano, e que optan este ano a ter o seu posible primeiro residente. Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, cóntase con 12 centros de saúde acreditados para a docencia.
Na actualidade, son 115 os titores e colaboradores docentes nos distintos centros acreditados da Área Sanitaria de Ferrol; e hai un total de 145 os profesionais Residentes na nosa Área cos que se incorporan na actualidade.
Lembrar novamente que a formación sanitaria especializada é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada e implica responder a un estándares determinados. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais.
En termos xerais, xa que cada especialidade ten as súas peculiaridades, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, os novos médicos residentes comezan traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotan nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizan as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
De xeito global, a supervisión do traballo dos residentes corre a cargo dos titores que son a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación anual e final, por un comité de avaliación.
Pola súa banda, os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes. O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno. Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.