Blanca Riestra: “Estar na periferia non é un problema; é un estímulo, pois a arte ten que estar feita por francotiradores”

A escritora presenta este venres na Central Librera da rúa Dolores a súa última novela, “Tritón” (Aira Editorial) na que volve amosar a súa fascinación polo mar
Blanca Riestra: “Estar na periferia non é un problema; é un estímulo, pois a arte ten que estar feita por francotiradores”
Blanca Riestra | Cedida

A última novela de Blanca Riestra preséntase este venres, ás 19.30 horas, na Central Librera da rúa Dolores. “Tritón” é o seu título e está publicada por Aira Editorial.

 

Que vai atopar o lector que siga a súa traxectoria nesta novela? 
Podemos dicir que é unha continuación ou que bebe da mesma fonte que “Aquí comeza o mar” –novela gañadora do Premio Blanco Amor en 2022–, entrando nesa temática das cidades construídas sobre auga, inestables, o que lles dá unha personalidade especial, tamén atlántica-autodestrutiva, de cidades mariñeiras. Teño outra novela que vai saír o ano que vén que tamén explora ese mundo do mar. En “Tritón” retómase este personaxe moi coruñés pero presente en toda a costa galega: esas figuras lexendarias que veñen do mar e que se relacionan cos humanos. Neste caso, a novela está ambientada na pandemia.

 

Sente fascinación polo mar, tamén como materia literaria. 
Totalmente, pero creo que aquí estamos todos tolos polo mar porque ten unha compoñente fascinante e, ao mesmo tempo, arrepiante. É un elemento que non é só material, senón que ten unha cantidade tremenda de connotacións, ademais de inspirar todo este conxunto enorme de historias orais coas que todos medramos e que están aí.

 

A temática elixe o idioma? 
Escribín moitas novelas en castelán cando vivía fóra, pero cando volvín pareceume que era lóxico que volvera á miña lingua materna. Todo isto ten que ver co mar, coa oralidade, coa fantasía, porque penso que hai unha gran diferenza entre o sistema literario castelán e o sistema literario galego. O primeiro é moito máis proclive ao realismo e establece unhas fronteiras máis ríxidas; é menos “tolerante” coa heterodoxia. Se miras así a vista de paxaro a nosa historia, o sistema literario galego é unha tradición de individualidades bastante excéntricas, con personaxes individualistas que construíron a súa obra sen establecer ningún tipo de limitación, acollendo a tradición e a oralidade e mesturándoas coas vangardas e cun gusto pola fusión de realidade e fantasía interesantísima. De feito, non sei se “Aquí comeza o mar” podería tela escrito en castelán (vaise traducir agora) e “Tritón” tampouco porque son actos de liberdade temática e formal moi extremos.

 

Como é a volta a casa cando se leva moitos anos vivindo fóra?
Volvín contenta, a verdade, e pareceume evidente desde o principio que tiña que facer o cambio lingüístico porque creo que vivir aquí, falar de temas que teñen que ver con esta terra e facelo en castelán sería case unha manifestación ideolóxica. Quen vivimos aquí temos a obriga de contribuír a apuntalar esta lingua e esta tradición. Pareceume un desafío. Cando era moi nova comecei a escribir poemas en galego, pero tíñao moi abandonado e tiven que recuperar a miña cultura e a miña gramática e reconstruír a miña propia sintaxe en galego, que non é tan fácil. Estou moi contenta desa viraxe.

 

O libro publícase en Aira, una editora cunha aposta moi clara polo talento, polas cousas ben feitas...
O lector de literatura galega ten un nivel alto, é un lector comprometido e moi culto. As linguas dominantes, por contra, creo que están máis condicionadas polos best-sellers. Hai, como Aira, moitos proxectos e pequenas editoriais que fan cousas impresionantes. É importante tamén que teñamos visibilidade nas librarías.

 

Os recoñecementos a obras escritas orixinalmente en galego son frecuentes nos últimos tempos. Está a literatura no seu mellor momento? 
Desde logo. Non hai máis que ver a relación dos Premios Nacionais dos últimos tempos, en todos os xéneros e manifestacións. A cultura, cando vén da periferia, é moito máis interesante e goza dunha liberdade e posibilidades que en moitos casos superan o que se pode facer desde as culturas dominantes. Temos a sorte, e debemos aprecialo, de estar un pouco “descentrados” e de facer as cousas á nosa maneira porque iso non é un problema; é unha oportunidade, un estímulo, pois a arte ten que estar feita por francotiradores.

 

Esa posición asúmea tamén a nivel estilístico? 
Sempre me sentín moi individualista e escribín fóra das modas, e as cousas, coa idade, en vez de mellorar, van a peor (ri); son máis heterodoxa, pero é que eu a arte concíboa así: unha empresa persoal, de risco individual. Sempre fixen un pouco o que me petou –o cal non significa que lle dea as costas ao que me rodea ou que non me interese–, pero esa posición intento levala ata as últimas consecuencias. 

Blanca Riestra: “Estar na periferia non é un problema; é un estímulo, pois a arte ten que estar feita por francotiradores”

Te puede interesar