O BNG e A Mesa denuncian que a instrución sobre o galego segue en vigor

Urxen ao alcalde a publicar unha rectificativa
O BNG e A Mesa denuncian que a instrución sobre o galego segue en vigor
Os concelleiros do BNG e o presidente da Mesa, Marcos Maceira I Cedida

Os concelleiros do grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol compareceron este mediodía co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, para denunciar que a instrución sobre o emprego exclusivo do castelán nas licitacións "segue vixente", polo que urxen ao alcalde, José Manuel Rey Varela, a emitir outra rectificativa, "dando cumprimento á vontade expresada polo goberno local no día de onte". 

 

Maceira enumerou a lexislación que protexe o uso do galego, que, lembrou, ten estatus de co-oficialidade desde 1981. "Se o Concello ten dúbidas respecto das directivas europeas, precisamente pola ausencia de oficialidade do galego na UE, o que debería facer o goberno é reclamar a súa oficialidade", dixo antes de engadir que "o Concello de Ferrol non pode ser exemplo de negación do galego no conxunto do país". 

 

O portavoz municipal, pola súa parte, incidiu en que se non hai rectificación da instrución, esta segue a ser "de obrigado cumprimento para o persoal funcionario". Ademais, rexeitou os argumentos dados polo executivo local. "O de que os pregos son moi difíciles de traducir non se sostén", indicou, "porque todos os contratos que fai o Concello levan unha cláusula que esixe que a achega da documentación ten que se en galego, como di a ordenanza municipal, e o de que esta medida se toma para axilizar é absurdo porque o problema é a falta de persoal, que implica que o 48% dos postos de traballo están vacantes". Rivas asegurou que "no fondo non estamos diante dun problema de carácter técnico ou administrativo, senón de ideolóxico e político". 

 

Dese modo, "se ese problema persiste e non hai rectificación", o voceiro nacionalista adiantou que "adoptaremos as medidas necesarias, tanto no eido político como no resto porque non esta situación non é aceptable de ningunha maneira". 

 

O BNG e A Mesa denuncian que a instrución sobre o galego segue en vigor

Te puede interesar