“Camiño máxico no Pico Sacro”, un espectáculo de lenda en Ferrol

A proposta, que é de balde, presenta un carácter visual no que se fusionan numerosos xéneros
“Camiño máxico no Pico Sacro”, un espectáculo de lenda en Ferrol
Un dos espectáculos desta compañía con elementos semellantes aos da nova obra | CEDIDA

A compañía Queiman e Pousa encargarase dun gran espectáculo musical que terá lugar este sábado na praza de Armas, a partir das 21.00 horas, “Camiño máxico no Pico Sacro”. Aínda que se trata dunha peza que se ofrece en tres puntos de Galicia, o contido estará personalizado para esta parada na cidade de Ferrol.


Quince artistas, cinco músicos, tres bailarinas e dúas cantantes protagonizarán este completo show que relata a lenda que se atopa detrás das figuras do apóstol e a Raíña Lupa. Esta función, aínda que a música ten un peso moi importante, presenta un carácter moi visual, incluíndo exemplos como o lume ou un dragón de cinco metros de longo e dous de alto que circulará polas rúas como introdución.


O evento foi presentado onte no consistorio coa participación dos fundadores do colectivo responsable, que coas súas respectivas artes, ocupáronse de adiantar parte da maxia que emana desta creación. Un dos puntos destacados no acto foi a adaptación do contido ao terreo ferrolán, que ten cabida neste espectáculo pola súa relación co Camiño Inglés.


“Punto cero de cinco etapas que nos levan a unha viaxe máxica de lenda, cara o Pico Sacro e terras de Compostela”, narrou Quique Rodríguez, coñecido como Bruxo Queiman, un dos creadores da compañía. Esta cita, que se proclamou nun discurso acompañado de melodía, forma parte do guion do espectaculo. Este actor de orixe vigués sinalou algúns exemplos aos que atendeu de cara á personalización do contido para o público ferrolán. Así, comezou dando conta da importancia da ruta de Navantia, que “marcou un fito na historia de Galicia, de Europa e do mundo”, indicou Queiman.


Así mesmo, o texto de “Camiño máxico no Pico Sacro” incluirá outros atractivos turísticos como poden ser as praias de San Xurxo, un dos recunchos preferidos polo artista, e Santa Comba. Por este motivo, o espectáculo vén da man de Turismo de Galicia e a sesión de presentación contou coa intervención da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, que resaltou a fusión de xéneros do que se pode presumir, como son o teatro e o musical.


Segundo Aneiros, a iniciativa celebra “como Galicia se ten convertido nese faro espiritual en Europa” e “non podía haber mellor ubicación para un destes espectáculos que aquí, en Ferrol, que é o quilómetro cero dunha das rutas xacobeas”. A peza “non só nos conecta coas nosas raíces, coas lendas, senón que tamén nos lembra a importancia de preservar e promover a nosa cultura”, manifestou a delegada.


O concelleiro de Festas, Arán López, conduciu o encontro de presentación e tamén comentou algúns dos puntos fortes da proposta. Tal como afirmou, trátase dun “evento fóra do típico” ao que convidou “a mergullarnos nunha experiencia única, que non é outra cousa que unha viaxe máxica pola esencia da nosa terra”.


A pesar de non formar parte da obra, a voz lírica de Andrea Pousa, o outro piar fundacional do colectivo, tamén sorprendeu pechando a presentación de maneira improvisada. “Camiño máxico no Pico Sacro” é unha creación que leva ás costas dous meses de preparación, que resultaron nesta proposta gratuita e dirixida para todos os públicos. 

“Camiño máxico no Pico Sacro”, un espectáculo de lenda en Ferrol

Te puede interesar